Magostos no Gaiás con Milladoiro, Marful e Mofa e Befa

Santiago de Compostela, 08 de Outubro de 2013

Os grupos Milladoiro e Marful e o dúo cómico Mofa e Befa son os protagonistas das tres citas do programa Magostos no Gaiás, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve durante este mes de outubro na Cidade da Cultura de Galicia para festexar a chegada do outono con música, teatro e castañas.

Os tres magostos darán comezo cunha degustación gratuíta de castañas, coa que se dará a benvida aos espectadores que asistan a cada un destes espectáculos especiais: o concerto de celebración do 35 aniversario de Milladoiro o venres 18, Marful xunto aos seus artistas convidados o venres 25 e a montaxe retrospectiva O pior de Mofa e Befa o xoves 31.

As entradas para estas actuacións, que terán lugar no Museo Centro Gaiás ás 21.00 horas, poden adquirirse de xeito anticipado a través da web taquilla.servinova.com a un prezo de 9 euros para a zona A e de 6 para a zona B (+gastos de xestión), ou o mesmo día no despacho de billetes a 11 e 8 euros.

Agasallo para o público

A Fundación Cidade da Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colaboran na posta en marcha desta programación, que foi presentada hoxe polos directores de ambas as entidades, Beatriz González Loroño e Jacobo Sutil.

Acompañáronos neste acto José Ferreiros, de Milladoiro; Ugía Pedreira, de Marful; e Quico Cadaval e Víctor Mosqueira, de Mofa e Befa, ademais de Manuel López, secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castañas de Galicia, que contribúe a esta iniciativa achegando as castañas coas que se agasallará ao público desde unha hora antes do inicio dos espectáculos.

Neste sentido, Beatriz González Loroño explicou que, ademais do tradicional posto de castañas asadas, a degustación consistirá en tapas creativas elaboradas a base deste produto pola Cantina do Gaiás. “Así, ao calor das primeiras castañas do ano –sinalou– todo aquel que se achegue á Cidade da Cultura formará parte dun gran magosto popular no que a música e o teatro serán protagonistas, converténdose nunha gran festa da cultura galega”.

Na súa intervención, a directora da Fundación Cidade da Cultura tamén destacou que os Magostos no Gaiás contribúen a afondar na diversificación da programación deseñada para o Museo Centro Gaiás que, lonxe de se limitar a acoller grandes exposicións, pon os seus espazos ao servizo da promoción das máis diversas disciplinas artísticas.

Tres citas únicas

Pola súa banda, Jacobo Sutil remarcou a “oportunidade extraordinaria” que ofrece este cartel para gozar de tres citas únicas con tres "referentes no seu ámbito particular e, por extensión, no mellor panorama cultural galego".

En palabras do director da Agadic, “ao longo destes encontros trazaremos un interesante percorrido desde a experiencia e a traxectoria que nos achega Milladoiro como grupo fundacional, pioneiro e paradigma na música tradicional galega; ata o teatro máis próximo, elocuente e, á vez, irreverente que nos traerá Mofa e Befa, pasando por un dos mellores expoñentes do son galego actual e da riqueza do seu diálogo coas músicas do mundo, como é Marful”.

No aniversario dos seus 35 anos sobre os escenarios, Milladoiro abrirá os Magostos no Gaiás o venres 18 de outubro cun concerto no que soarán algúns dos grandes temas da súa amplísima traxectoria. Con máis de vinte discos e outra vintena de galardóns –a Medalla de Ouro de Galicia entre eles–, é a banda máis emblemática e internacional da música tradicional galega e os seus integrantes, os decanos que abriron camiños que logo foron tamén percorridos por xeracións de músicos para levar o folk galego por todo o mundo.

Nova estética musical

Marful chegará ao Gaiás o venres 25 coa súa combinación de ritmos bailables procedentes de América e Europa e letras rompedoras, coas que o grupo abriu unha nova senda estética na música galega.

Os espectadores terán a oportunidade de escoitar varios adiantos do que será o terceiro disco do cuarteto que integran Ugia Pedreira (voz), Marcos Teira (guitarra), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Pablo Pascual (clarinete baixo), que desta volta ampliarán formación con dous artistas convidados: o trompetista inglés David Herrington e o cantante galego Fran Perez "Narf". Xunto a eles, tamén estarán sobre o escenario Leandro Deltell á batería e o cubano José Manuel Díaz ao contrabaixo.

Os magostos chegarán ao seu fin o xoves 31 da man de Mofa e Befa, dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, dous grandes do humor galego que veñen avalados por dúas décadas de parodias e humor sarcástico.

No espectáculo O pior de Mofa e Befa, para o que contan coa participación de colaboradores habituais como Quico Cadaval, Piti Sanz ou Fran Pérez, recuperan algunhas das pezas e personaxes máis queridos polo seu público xunto con outros sketches que só fixeron en contadas ocasións: os pallasos financeiros de Finis Mundi Circus, os flamencos abertzales de Sempre ao lonxe ou Frank Braña, entre outros.