A Cidade da Cultura de Galicia acollerá do 24 ao 26 de novembro a terceira edición da Maker Faire, a maior feira de inventores do mundo. A celebración deste evento ten lugar no marco da sinatura do convenio entre a Fundación Fundación Cidade da Cultura a Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago, co que se renova o compromiso entre o Concello e a Xunta de Galicia na promoción da Cidade da Cultura como un espazo de creación empresarial no ámbito das industrias creativas.
“Desde o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura temos o desafío de deseñar contornas que favorecen o pensamento creativo. E, neste sentido, a Maker Faire preséntase como un evento cunha potencia extraordinaria para estimular actitudes deste tipo”, destacou esta mañá a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, durante a presentación da ‘Maker Faire’ xunto coa concelleira de Mercados, Marta Lois, quen definiu esta actividade como un escaparate para a creatividade e o enxeño.
A presentación da ‘Maker Faire’ contou tamén coa presenza dos seus organizadores, Enrique Saavedra e Matilde Rodríguez, que recordaron que se trata dun evento pensado para todos os públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía... no que compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.
Entre as cinco con máis visitantes de Europa
A Maker Faire Galicia celebrará do 24 ao 26 de novembro a súa terceira edición, consolidándose como a máis importante da península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París. Durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.
Como novidades para esta edición, a Maker Faire sumará un día máis de programación, o venres 24 de novembro, que estará enfocado ao sector profesional, favorecendo que os expositores poidan dirixir a súa oferta de produtos e servizos. Ademais, a feira busca este ano dar o salto internacional, para o que contarán con relatores e expositores de referencia a nivel mundial.
