Gravados de Rembrandt, Goya, Picasso ou Seoane, na Biblioteca de Galicia

Santiago de Compostela, 28 de Novembro de 2013

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe no Gaiás a exposición Técnicas e arte do gravado, un percorrido didáctico polas técnicas históricas do gravado a través dos orixinais de grandes creadores como Rembrandt, Goya, Picasso, Manet ou Laxeiro.

Segundo Vázquez Abad, “esta exposición de excepcional calidade permítenos gozar de obras de grandes mestres, desde o Renacemento europeo ata a magnífica produción de artistas da Galicia contemporánea”. “Deste xeito, os visitantes poderán experimentar o gran salto que supuxo a evolución das técnicas de reprodución das imaxes, desde os vellos incunables ata a produción de artistas contemporáneos do primeiro nivel; recreándose cos froitos dun labor tan esmerado coma paciente dun mundo que nos resulta xa remoto”, engadiu. 

O conselleiro explicou que as obras expostas pertencen principalmente aos fondos da Biblioteca de Galicia, “un feito máis que amosa valor que atesoura o Gaiás”, e agradeceu ás diferentes institucións, centros museísticos e particulares que prestaron as obras de arte, a súa colaboración para poder “conformar esta magnífica mostra”. Ao acto de inauguración asistiu ademais o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Cinco seccións

Técnicas de arte do gravado, que estará aberta ao público na Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o 27 de xaneiro, mostra diferentes técnicas históricas como a xilografía e gravado en relevo, gravado en oco e litografía, que aínda se utilizan na actualidade. Todas as obras expostas son orixinais e distribúense en cinco seccións diferentes. A primeira delas é a mostra das ‘matrices en relevo, oco e litográficas’, algunhas cos gravados realizados a partir delas. 

Nun segundo apartado, a exposición dedícase ao ‘gravado en relevo’ con obras como o Liber Chronicarum, posiblemente un dos máis fermosos incunables onde participou Durero; un Dante con Xilografías renacentistas, as Décadas de Tito Livio –o máis fermoso libro ilustrado da España do século XVI); e dúas xoias galegas: a Palinodia impresa en Ourense e o Aerarium Commune de Agustín de Paz coa súa famosa marca de impresor. A estas obras únicas súmanse unha selección de estampas xaponesas en madeira, obras de gravado en contrafebra de Doré, Bewick ou os galegos Modesto Brocos, Mayer ou Carretero; gravado moderno en relevo de Masereel, Atkinson, Castelao, Maside ou Seoane ou dos linoleístas Sobrino Buhigas, Pintos ou Torres.

Unha terceira sección aborda o ‘gravado en oco’ e conta con augafortes ou augatintas de Rembrandt, Víctor Hugo, Corot, Goya, Picasso e galegos como Prado Mariño, Castro Gil, Prieto Nespereira ou Méndez. A cuarta sección e a dedicada á ‘litografía’, que está presente nesta mostra a través de exemplos de Toulouse Lautrec, Fantin-Latour, Manet, Odilon Redon ou de galegos como Laxeiro. 

A última das seccións versa sobre as ‘diferentes funcións do gravado’, incluíndo exemplos de Quessada, Alfonso Costa e dos obradoiros de Rubens e Van Dick entre outras moitas obras e nomes de importancia na evolución do gravado. 

Colaboración con outras institucións

A pesar de que a maior parte das obras pertencen aos fondos da Biblioteca de Galicia, a exposición Técnicas e arte do gravado conta con importantes préstamos que a enriquecen como os procedentes dos Museo Massó (que cedeu os incunables), da Biblioteca do Mosteiro de Poio (os dous impresos galegos do XVI), da Catedral de Santiago (dous cobres e unha pedra litográfica), do Seminario de San Martiño (unha madeira de Mayer), do Museo de Artes en Ribeira, Fundación Prieto Nespereira, da Biblioteca Pública de Pontevedra e de diferentes coleccións privadas.

Obradoiros de gravado

Durante as datas do Nadal, a Biblioteca de Galicia porá en marcha obradoiros onde coñecer as diferentes técnicas e a través dos que facer estampas sinxelas en oco e estampalas nun pequeno tórculo.

Estes obradoiros terán lugar o luns 23 de decembro, o venres 27 de decembro e o xoves 2 de xaneiro para os nenos de entre 8 e 12 anos. Pola súa banda, celebraranse o xoves 26 e o sábado 28 de decembro e o venres 3 de xaneiro para os de 12 a 15 anos. O horario é de 12 a 14 horas e as inscricións son totalmente de balde.