Flywaterbags de Ana Soler, nas Torres Hejduk

Santiago de Compostela, 11 de Abril de 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a descubrir a través da auga unha outra realidade na intervención Flywaterbags. A sight into the water, a nova instalación das Torres Hejduk do Gaiás ideada pola artista multidisciplinar Ana Soler.

Formada por máis de 3.500 bolsas de auga, a instalación de Ana Soler convida ao visitante a ir máis alá do evidente e descubrir universos invisibles, unha das constantes da súa obra. Fronte á idea de que a auga é inodora, incolora e insípida, Soler propón en Flywaterbags mirar a auga con outros ollos, converténdose en lente de aumento, filtro de deformación e reflexo do que nos rodea.

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, destacou a inquietude da artista “por mostrar a través das súas obras aquilo que non se ve a simple vista”. Ademais, Vázquez Abad agradeceulle a Soler que aceptase “o reto de converter as Hejduk nun universo acuático capaz de clarificar e deformar a realidade ao mesmo tempo”. O conselleiro estivo acompañado pola propia artista; pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e pola directora de Acción Cultural, María Pereira.

Flywaterbags establece un diálogo coa exposición do Museo Centro Gaiás Auga Doce, na que a ollada dos artistas nos convida tamén a redescubrir a beleza da auga, e sucede á intervención colectiva En ningún lugar, proxecto gañador do III Encontro de Artistas Novos. Con anterioridade tamén pasaron polas Hejduk Pamen Pereira, Ramón Conde e Alejandra Sampedro.

Flywaterbags pode visitarse todos os días ata o 31 de agosto nas Torres Hejduk do Gaiás totalmente de balde. O horario de visita é de 10 a 20 horas de luns a domingo.

Visión dicotómica do uso da auga

Aproveitando o carácter bipolar das Torres Hejduk, Flywaterbags ofrece unha visión dicotómica do uso da auga a través de dúas instalacións contrapostas nas que o fluído se converte en lente clarificadora e deformadora ao mesmo tempo. A primeira instalación sitúase na torre transparente en forma de gran pinga tridimensional formada por pequenas bolsas de auga que nos serven de lente. A lupa consegue deformar e ampliar a realidade para amosarnos outra: a dimensión aparente de todo, convidando ao espectador a ollar tras o evidente e perderse nun mundo novo visto desde o fluído.

Fronte a esta pinga xeometricamente ideal e case perfecta, a torre opaca reproduce unha inmensa explosión acuática na que as pequenas bolsas de auga se espallan de forma caótica a partir de pequenas pantallas con imaxes sobre o mal uso da auga, contaminación, desbaldimento, etc. A lupa deforma, nesta ocasión, esas imaxes que sitúan ao espectador dentro da propia identidade da auga e que lle obrigan a repensar a súa situación.

Artista cunha longa traxectoria 

A obra de Ana Soler (Sevilla, 1972) está marcada por esa busca de deterse nos detalles, daquilo que pasa desapercibido, naquilo que aínda presente se pode ollar desde outro punto de vista para buscar outra dimensión da apariencia.

Tras formarse en diferentes centros internacionais como Kyoto City University of Art; National Chiayi University (Taiwan); York University (Toronto); École des Arts Decoratifs (Estrasburgo); College of Art (Edimburgo); Scuola Internazionale di Grafica d'Arte (Florencia) ou Instituto Nazionale per la Gráfica d’Arte (Roma); desde o 2000 dedícase á docencia e á investigación na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. 

Co-directora do grupo de investigación “dx5, Digital and Graphic Art Research” financiado polo Ministerio de Innovación e Ciencia e a Xunta de Galicia, obtivo varias bolsas que a levaron a empaparse de diferentes tendencias artísticas.