Escenas do Cambio'17 arrancou este sábado creando unha novela en vivo na estación de tren

Santiago de Compostela, 30 de Xaneiro de 2017

A estación de tren de Compostela converteuse este sábado nun improvisado escenario teatral coa preestrea da obra A veces creo que te veo do arxentino Mariano Pensotti, coa que Escenas do Cambio, festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura deu comezo esta mañá. Da man dos escritores galegos Teresa Moure, Antía Otero, Carlos Santiago e Antón Lopo, a estación converteuse nunha sorte de papel na que se “escribiu” unha novela en vivo, involucrando aos usuarios da estación.

Con esta preestrea botou a andar a terceira edición de Escenas do Cambio, festival dirixido por Pablo Fidalgo e que terá lugar na Cidade da Cultura entre o 28 de xaneiro e o 15 de febreiro, cun programa con 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes, e na que o teatro galego terá unha presenza destacada con nomes como Chévere, que presentará Cheverografías, Matarile Teatro con Antes de la metralla o iLMaquinario, con Resaca, entre outros nomes.

Catro obras na primeira xornada

A apertura oficial do festival terá lugar o vindeiro martes, 31 de xaneiro, nun acto no Museo Centro Gaiás no que participará o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Ese mesmo día, o público terá a oportunidade de gozar de ata catro obras que xogan co espazo, os límites do teatro, a memoria e a danza.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá durante toda a semana The Quiet Volume de Ant Hampton e Tim Etchells, na que se explorará a tensión deste espazo, mestura de silencio e lectura concentrada. Especial referencia merece a peza Perhaps all the dragons do colectivo belga BERLIN, unha das compañías europeas que están a explorar con maior valentía os límites do teatro. Neste proxecto, a través dun instalación audiovisual comporá unha mesa redonda convidando ao público a un tête à tête con trinta historias, a modo dun barco á deriva ou unha nave espacial nunha viaxe de rumbo incerto.

Destaca tamén no programa desta semana a retrospectiva sobre Federico León, que presentará Las ideas e Yo en el futuro, que se completará a vindeira semana cunha conferencia e a proxección de dúas das súas películas. Considerado o enfant terrible do teatro contemporáneo en Arxentina, Federico León ten levado ao extremo a idea de representación. 

Os mundos da danza e o baile

A danza seguirá a ser outra das liñas do festival, con proxectos como o Horion de Malika Djardi, unha das revelacións da escena francesa dos últimos anos, ou o de Takao Kawaguchi sobre a figura de Kazuo Onho, bailarín xaponés de butoh, coñecida como ‘a danza cara á escuridade’, un xeito de bailar de contido espiritual que xurdíu no Xapón da posguerra, na atmosfera dos vencidos e das vítimas das bombas atómicos.

Outras das propostas máis atractivas será o proxecto Envoltura, unha homenaxe á bailarina Antonia Mercé, 'La Argentina', renovadora do baile en España na primeira metade do século XX, unha das pioneiras da danza contemporánea e cunha biografía conectada coa república e cos movementos políticos da época –faleceu horas despois de coñecer o alzamento das tropas franquistas-. Artistas como Isabel de Naverán, Idoia Zabaleta, Patricia Caballero, Iñaki Azpillaga, Pedro G. Romero, Bobote e Camila Téllez participan nesta proposta. O festival programa tamén, neste contexto, a peza do coreógrafo norteamericano Trajal Harrell The Return of La Argentina

Nesta primeira semana volverá repetirse A veces creo que te veo de Mariano Pensotti e se se estrearán as performances de Loreto Martínez Troncoso, Alejandara Pombo e Magdalena Arau e terá lugar no Salón Teatro a estrea en Compostela da última produción da compañía galega ilMaquinario: Resaca

Inicio dos laboratorios

Do mesmo xeito, nesta primeira semana arrancarán os catro Laboratorios, cos que Escenas do Cambio quere reflexionar ao redor das artes escénicas e as súas fronteiras. Deste xeito, a Cidade da Cultura acolle entre o 31 de xaneiro e o 10 de febreiro os laboratorios Suministros dirixido por Usue Arrieta e Vicente Vázquez, Inicio-Estalla de Idoia Zabaleta, Taller de Experimentación con Objetos Personales de Federico León e Porque yo soy tú porque tú eres yo porque somos otros de Loreto Martínez e Alejandra Pombo.

As entradas xa están á venda no Museo Centro Gaiás e ataquilla.com. Ademais, pode consultarse todo o contido do festival no web escenadocambio.org.