Escenas do Cambio olla cara a África e Brasil

Santiago de Compostela, 03 de Febreiro de 2016

Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción encara a súa segunda semana no Gaiás centrado en África e Brasil, con creadores que propoñen novas linguaxes. Faustin Linyekula, Bouchra Ouizguen, Radouan Mriziga ou Lucía Russo e Marcela Levi ofrecerán desde hoxe e ata o domingo propostas que aúnan arte en acción, danza contemporánea e memoria. Ademais, ‘Escenas do Cambio’ contará cunha nova estrea galega: ‘Insulto ao público’ o clásico de Peter Handke que Uxía Vaello e Borja Fernández poñen en mans de adolescentes.

O programa arranca hoxe con Um Museu Vivo de Memórias Pequenas e Esquecidas, unha obra de catro horas de duración e con cea incluída na que Joana Craveiro fai un repaso polos anos da dictadura portuguesa e a posterior Revolución, compoñendo un relato histórico a través das pequenas historias da xente do común.

Esta segunda semana de Escenas do Cambio ofrece tamén o traballo que Gabino Rodríguez, da compañía Lagartijas tiradas al sol, realizou con catro actores galegos: Areta Bolado, Carolina Fernández, Diana Mera e Tito Asorey. Baixo o título ¿De qué otra cosa podríamos hablar?, os catro ofrecerán este xoves e venres unha conferencia-performántica na que sacar ese proxecto que levaban dentro.

A presenza galega será total este xoves, 4 de febreiro, xa que o Museo Centro Gaiás acollerá a estrea de Ensaio amor, da bailarina Nuria Sotelo; e Insulto ao público, de Uxía Fernández e Uxía Vaello. O clásico de Handke, que cumpre 50 anos, é depositado nas mans de rapaces de entre 14 e 18 anos, xa iniciados no teatro, para que se apropien del da maneira que queiran.

Novas linguaxes de África e Brasil

A danza máis contemporánea terá o seu oco este venres, con Barrunto de Patricia Caballero; e Mordedores de Marcela Levi, reflexión sobre o erotismo e a violencia, na que bailaríns brasileiros danzan mordéndose.

A presenza de África virá da man de Radouan Mriziga e a súa primeira creación: 55, Le Cargo de Faustin Liyenkula, na que mira a súa historia persoal á luz da historia rica e tumultuosa do seu Congo Natal; e a marroquí Bouchran Ouizguen que, no seu Ottof, cinco mulleres exploran sobre o escenario coas súas palabras e o seus corpos a cotidianidade que ten que ver cos seus dereitos.

A segunda semana de Escenas do Cambio péchase o domingo coa peza Ler e Bailar. Os Eidos, na que Idoia Zabaleta e un grupo de bailaríns voluntarios subirán as sendas do Bosque de Galicia coreografiando pasaxes da obra de Uxío Novoneyra. O punto de encontro é a ponte do Sar ás 16:00 horas. Desde alí iniciarase este peculiar percorrido polos versos de Novoneyra que desembocará no Museo Centro Gaiás. 

As entradas para Escenas do Cambio están xa a venda e poden adquirirse no Museo Centro Gaiás, nos puntos físicos de Ataquilla ou na páxina web www.ataquilla.com (+gastos de xestión). Toda a información sobre o festival e as entradas poden atoparse en www.escenasdocambio.org.