Descubre a maxia do cine a través do son

Santiago de Compostela, 12 de Xaneiro de 2015

A Cidade da Cultura convida a descubrir a maxia do cine a través do son. Será no obradoiro Sons de película, co que os máis pequenos da casa coñecerán os diferentes procesos de son que se levan a cabo nunha produción audiovisual: desde a rodaxe, á montaxe, edición e mistura final. 

Sons de película terá lugar os vindeiros sábado 17 e domingo 18 no Museo Centro Gaiás no marco da exposición Cinegalicia25, mostra coa que a Cidade da Cultura e Agadic celebran as vodas de prata do audiovisual galego. No obradoiro, nenos a partir de 8 anos coñecerán quizáis a parte máis descoñecida dunha produción cinematográfica: o seu son. 

Xunto coa música, os diálogos e son ambiente, os participantes neste divertido obradoiro recrearán escenas míticas do cine: festas, refregas, tormentas… e coñecerán por dentro os procesos de captación e reprodución dos sons que integran as películas. 

O obradoiro do sábado terá lugar ás 17 horas e o do domingo ás 12 horas e ambos os dous son de balde previa inscrición. 

Cinegalicia25

Ata o 8 de febreiro, o público poderá visitar no Museo Centro Gaiás Cinegalicia25, exposición que fai un percorrido polo que foi o cine galego nestes cinco lustros, recollendo a traxectoria previa iniciada en 1986 coas primeiras proxeccións do Cinematógrafo en Galicia e botando, tamén, unha ollada cara ao futuro. 

A exposición pode visitarse de martes a domingo, de 11 a 20 horas e ten entrada de balde. Ademais, conta con visitas guiadas todos os sábados e domingos ás 12:30 e ás 18:30 horas.