A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a formación dos deseñadores galegos colaborando cunha xornada na Cidade da Cultura de Galicia na que participarán Enric Satué e Alberto Corazón, dúas figuras clave na historia do deseño en España.
A xornada, que terá lugar o 19 de maio, está organizada pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG) dentro do ciclo #charlasnaDAG e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Universidade de Santiago, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e da Secretaría Xeral de Cultura.
Na liña das #charlasnaDAG, a xornada xirará ao redor da profesión do deseño e pretende servir de punto de encontro para que profesionais e futuros deseñadores debatan sobre cuestións que preocupan á profesión: a procura de traballo, os concursos, as estratexias, a relación co cliente, etc. Este encontro desenvolverase ao longo de toda a xornada cun formato aberto para favorecer o diálogo entre o público convidado e os asistentes.
Dous Premios Nacionais de Deseño
Nesta ocasión, os deseñadores convidados serán Enric Satué e Alberto Corazón, figuras clave na historia do deseño no Estado; ambos os dous galardoados co Premio Nacional de Deseño en 1988 e 1989 respectivamente. Como condutor do coloquio actuará o deseñador galego Pepe Barro.
A inscrición é gratuíta para os socios da DAG. Para o resto do público terá un custo de 15 euros. A capacidade da sala é limitada e as prazas reservaranse por orde de inscrición, a data límite para confirmala é o mércores 7 de maio. Todas as persoas interesadas en asistir, só teñen que enviar un correo a info@asociaciondag.org e seguir as indicacións que se lles faciliten.
