A Cidade da Cultura celebra o vindeiro 20 de maio os cinco anos do Museo Centro Gaiás cunha xornada festiva para todos os públicos. Coincidindo coa celebración do Día dos Museos (que se conmemora o 18 de maio), o Museo Centro Gaiás acollerá un programa de actividades de balde, entre as 12:30 e as 20 horas, que inclúe xogos tradicionais, música, obradoiros e exposicións.
A Cidade da Cultura convida a todos os seus usuarios e visitantes a festexar o vindeiro 20 de maio os cinco anos de actividade cultural no Museo, botando unha ollada á pequena pero consolidada traxectoria desta institución. Así, as exposicións serán o eixe central desta xornada festiva, destacando a oportunidade de coñecer máis polo miúdo a mostra actual: Da árbore á cadeira, unha viaxe emocional do bosque ao fogar que supón unha homenaxe ao deseño contemporáneo do moble con pezas de 37 creadores galegos. Ademais das visitas comentadas regulares, o público poderá descubrir a mostra a través de percorridos especialmente deseñados para participar en familia.
A exposición complétase neste día especial cunha exhibición de 33 cadeiras creadas por alumnos de deseño de Galicia baixo o título Artesáns da madeira: as novas xeracións. Un total de 11 centros educativos participarán nesta mostra que busca poñer en valor o talento dos nosos mozos e dar a coñecer o futuro do deseño industrial e do moble no noso país. Así, o visitante poderá admirar 33 prototipos elaborados desde o CIFP Ferrolterra, o IES de Melide, o IES de Ortigueira, o CIFP Politécnico de Santiago, a EASD Mestre Mateo de Santiago, o CIFP Politécnico de Lugo, a EASD Antonio Faílde de Ourense, o IES Antón Losada Diéguez da Estrada, o CIFP A Xunqueira de Pontevedra, o IES de Salvaterra de Miño e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo.
A mostra poderá visitarse no Museo Centro Gaiás ata o 4 de xuño co obxectivo de dar a coñecer o traballo dos centros de Formación Profesional e das Escolas de Arte Superior e de Deseño que centran o seu labor nas artes da madeira e do moble como sector de futuro.
Cinco anos en carteis
Os participantes tamén poderán facer memoria a través dunha mostra cos principais fitos da pequena historia do Museo Centro Gaiás. O hall de entrada converterase nunha sorte de paseo polas actividades que marcaron a traxectoria desta institución a través dos seus carteis: desde a primeira mostra, Gallaecia Petrea, ata algunhas das actuacións máis recordadas como o concerto do músico Chick Corea ou Noa, así como as tres edicións do Galician Connection dirixido por Cristina Pato, ou espectáculos como Smashed.
Mais a participación será, como sempre, fundamental neste Día dos Museos. Para iso, a Cidade da Cultura ofrece un programa lúdico que inclúe varios obradoiros e xogos populares cun denominador común: a madeira. Así, desde primeira hora, pequenos e maiores poderán gozar con trebellos tradicionais como os zancos, os aros ou o andacamiños e xogos como a chave, os birlos ou o xogo da rá. Durante toda a tarde terán lugar tamén tres obradoiros para fomentar a creatividade dos máis pequenos: de papiroflexia, robots en cartón e de graffiti.
Finalmente, o programa do Día dos Museos complétase cunha sesión vermú cortesía de Petroni e amenizada por Delafé DJ Set e a súa magnífica selección de música soul, funk, hip hop e indie internacional.
