A Cidade da Cultura convida a compartir unha tarde de literatura coa autora arxentina Claudia Piñeiro, coñecida polas súas novelas policiais e autora de libros tan exitosos como Las viudas de los jueves ou Tuya.
Será o vernes 22 de maio nunha sesión especial do ciclo de literatura da Cidade da Cultura Nexos, que desta volta trasladarase á Sala Eisenman para celebrar un encontro máis íntimo coa escritora, guionista e dramaturga arxentina. Nexos convida… arrancará ás 17:30 horas cun café no que os participantes poderán compartir as súas impresións e anécdotas sobre a literatura de Claudia Piñeiro. A segunda parte desta xornada consistirá nun diálogo-entrevista entre a autora arxentina e o escritor e xornalista lucense Luis Pousa, no que ambos os dous disertarán sobre libros pero tamén sobre a relación estreita co cine ou o teatro.
Como todas as sesións de Nexos, a entrada para este encontro con Claudia Piñeiro é de balde mais é preciso reservar praza.
A raíña do thriller
Claudia Piñeiro está considerada unha das raíñas do thriller actual por historias como Las viudas de los jueves, Tuya ou Betibú, tres historias que deron o salto do papel á pantalla con grande éxito.
Ademais de escritora, Claudia Piñeiro é dramaturga, guionista de televisión e colaboradora de distintos medios gráficos. Obtivo diversos premios nacionais e internacionais pola súa obra literaria, teatral e xornalística. É autora das novelas Las viudas de los jueves, que recibiu o Premio Clarín de Novela 2005; Tuya (2005); Elena sabe, Premio LiBeraturpreis 2010 (Clarín/Alfaguara, 2007), Las grietas de Jara, Premio Sor Juana Inés de la Cruz 2010 (Alfaguara, 2009) e Betibú (Alfaguara, 2011).
Publicou tamén os relatos para nenos Un ladrón entre nosotros, Premio Iberoamericano Fundalectura-Norma 2005, e Serafín, el escritor y la bruja. A súa obra de teatro Cuánto vale una heladera foi estreada no marco do ciclo Teatro pola Identidad 2004 e publicada polo Ministerio de Educación, Ciencia e Tecnoloxía de Arxentina. O seu drama Un mismo árbol verde foi candidato aos premios Florencio Sánchez e María Guerrero, e gañou o premio ACE 2007. As súas obras foron traducidas a varios idiomas e son lidas por milleiros de lectores en diferentes partes do mundo.
Pola súa banda, Luis Pousa é un recoñecido escritor e xornalista galego. Dedicado á prensa desde 1996, actualmente é responsable da sección de Opinión de La Voz de Galicia. Pousa debutou na literatura co poemario O Embigo do mar (2008) e gañou a novena edición do premio literario Fernando Arenas Quintela coa novela La noche de las palabras (2009). É autor de Breviario del bus (Rey Lear, 2013), prologado por Enrique Vila-Matas e ilustrado por Miguel Ángel Martín.
