Bareto, C. Tangana e Gustavo Almeida no Atardecer desta semana

Santiago de Compostela, 19 de Xullo de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia celebra esta semana tres novos concertos de Atardecer no Gaiás 2017, con música para todos os gustos: da cumbia alternativa de Bareto ao trap de C. Tangana e os ritmos brasileiros de Gustavo Almeida.

Atardecer no Gaiás arrancará mañá ás 21 horas na praza central coa banda líder da nova escola peruana: Bareto. A banda, nada no 2003, regresa a Compostela tras o seu exitoso paso polo Womex e encherá a Cidade da Cultura coa súa cumbia e música tropical alternativa, novos ritmos que lle valeron dúas nominacións aos Grammys latinos.

Os novos ritmos serán protagonistas tamén o venres, 21 de xullo, da man de C. Tangana, unha das grandes figuras da música urbana nacional. Líder absoluto en Spotify e youtube, o seu hip hop tende pontes cara a outros xéneros como o pop alternativo, a electrónica ou o reggaeton. A festa prolongarase cunha sesión DJ a cargo de Chago.

O último concerto da semana terá lugar o sábado da man de Gustavo Almeida. Rock, funk, reggae... Con tres discos editados e unhas cancións de aires frescos e divertidos, o cantautor nado en Río de Janeiro pero afincado en Pontevedra amosará na praza central do Gaiás o seu directo realista, romántico e versátil.

Todas as citas de Atardecer no Gaiás comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 e ten lugar ás 22:45 horas.