‘Atardecer no Gaiás' despídese esta semana cos concertos de Pedro Mafama e Blanco Palamera

Santiago de Compostela, 25 de Agosto de 2021

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, pecha a edición deste ano con dous concertos que dan conta da súa aposta pola visibilidade de músicas diversas e anovadoras e pola atención á escena musical galega.

O xoves 26 de agosto, o lisboeta Pedro Mafama levará ao escenario do Gaiás a súa harmoniosa mestura de sons electrónicos e urbanos coa música tradicional portuguesa. Fado trap, guitarras sintéticas, coros dixitais e autotune resoarán nos temas que conforman Por este rio abaixo, un traballo que homenaxea o clásico Por este rio acima de Fausto Bordalo Dias e co que Mafama nos convida a unha viaxe cara ao Sur, cara aos sons árabes e africanos que conforman tamén a historia e a tradición musical portuguesas. A mestura adúbase con letras vívidas e directas que nos transportan ás rúas da Lisboa do presente e nos devolven os sons actuais da veciña Portugal.

 O dúo compostelán Blanco Palamera encargarase de poñerlle o peche ao ciclo o venres 27 de agosto na praza central da Cidade da Cultura. Manu Blanco (guitarra e voz) e Xoán “Palamera” Domínguez (baterías e coros) combinan R&B, sintetizadores e guitarras a través de melodías e ritmos que transitan do trip-hop ao jazz, da bossa ao dream pop, do funk á indietrónica, nunha proposta exquisita de letras vulnerables e certeiras. O seu álbum debut Promesas, con colaboracións e achegas de formacións como Puma Pumku, Pianet ou Baiuca levounos por numerosos festivais e locais da contorna galega e estatal e aventura ser o primeiro de moitos. Para o concerto do venres no Gaiás, penduraron xa o cartel de “entradas esgotadas”.

 Ambos os dous concertos terán lugar ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. As entradas, a un prezo de 3 euros, puxéronse á venda a través da web ataquilla.com. Toda a información de grupos e artistas está dispoñible en cidadedacultura.gal.

 

‘Atardecer no Gaiás’

O programa de solpores musicados da Cidade da Cultura propuxo este ano 16 concertos ao aire libre para todos os xoves e venres do 8 de xullo ao 27 de agosto. Sons urbanos, trap, indie, pop, reguetón, electrónica, rock, e música folk e de raíz conformaron unha programación que busca ser un escaparate das tendencias musicais actuais da man de formacións e artistas das contornas galega, estatal, europea e latinoamericana.

Organizado pola Xunta de Galicia, Atardecer no Gaiás contou en 2021 coa colaboración do INAEM.