O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á Feira Womex como unha nova oportunidade para amosarnos ao exterior e deixar que Europa e o mundo se amosen en Galicia, que desde este mércores e ata o domingo 23 de outubro se converterá na capital da música internacional.
Durante a inauguración, Feijóo salientou que Santiago acollerá -por segunda vez en tres anos- máis de 300 músicos procedentes dun cento de países, que rebordan os límites de Europa para constituír unha mostra inmellorable dos sons que se escoitan en todo o planeta. “Hoxe non é só un día de celebración para Compostela e para Galicia, senón para todos aqueles que aprecian o proxecto común e buscan as súas raíces na música dos pobos que o compoñemos”, aseverou, avanzando que os ritmos galegos de Talabarte e o Cuarteto Caramuxo, os aragoneses de Carmen París, os vascos de Kepa Junquera e os cataláns de María Arnal e Marcel Bagés serán os encargados de abrir este certame, reflectindo a inmensa riqueza cultural que atesoura España.
Ademais deste concerto inaugural e de todos os que se sucederán durante as noites do xoves, venres e sábado, Feijóo referiuse tamén aos expositores que enchen a Cidade da Cultura, onde máis de setecentas empresas debuxan a que xa constitúe unha das feiras máis importantes do sector e que achegará a Galicia un impacto económico notable.
Sobre este punto, precisou que a Comunidade estará presente co seu propio posto na feira, o Galician Tunes, e será protagonista enriba do escenario grazas á música de Radio Cos, Xabier Díaz e Narf. Todos eles forman parte dunha xeración que está a espallar os límites do folk galego máis alá dos seus ámbitos tradicionais, ao aproveitar as influencias de dous mundos que nunca foron alleos para Galicia: a lusofonía e a América hispana.
O titular do Goberno galego concluíu subliñando que a globalización musical que Womex tan ben representa pon de manifesto que Galicia é unha realidade aberta ao mundo; unha terra acolledora, integradora e solidaria.






