Arranca Galician Connection'14

Santiago de Compostela, 04 de Abril de 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, chamou esta mañá a establecer un diálogo cultural a través da música na inauguración de Galician Connection 2014, un laboratorio musical promovido pola Xunta de Galicia que arranca hoxe no Gaiás baixo a dirección de Cristina Pato. O conselleiro destacou a compoñente educativa desta nova edición, asegurando que “o Gaiás se converterá por uns días nun escaparate de iniciativas e nun foro de debate ao redor de como integrar as artes nos sistemas de ensino e de como un maior coñecemento da música pode mellorar a nosa pedagoxía”. 

Vázquez Abad deulle esta mañá a benvida aos participantes desta terceira edición do Galician Connection, aos que animou a aproveitar estas tres xornadas de convivencia con seis artistas punteiros no panorama musical internacional para completar a súa formación, aproximarse a outras tradicións e favorecer un intercambio creativo que poida xerar sinerxías que desemboquen en futuros proxectos. Segundo o conselleiro, “esta nova edición do Galician Connection servirá para seguir estreitando lazos de unión entre os músicos galegos e os de outras latitudes. Unha unión que enriqueza a nosa tradición musical e que, ao mesmo tempo, axude a proxectala e dala a coñecer no exterior”, engadiu.

O titular de Cultura e Educación estivo acompañado na presentación pola directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; pola directora de acción Cultural de dita institución, María Pereira; polo director da Agadic, Jacobo Sutil; e pola directora artística do ‘Galician Connection’, Cristina Pato, quen apostou pola “conexión e a colaboración dos participantes para, entre todos, entender e ver a cultura como un motor económico e de desenvolvemento”. 

Profesorado internacional

O Galician Connection 2014 botou a andar esta mañá no Centro de Innovación Cultural, que reúne ata o domingo, e baixo a batuta de Cristina Pato, a seis grandes músicos internacionais, encargados de impartir un programa formativo exclusivo a través de clases prácticas, ‘workshops’ e encontros “cara a cara”. Un evento que, como toda a programación cultural do Gaiás, é posible grazas ás aportacións da Fundación privada Gaiás. 

Este cartel de luxo está integrado polo clarinetista sirio Kinan Azmeh; o baixista catalán Carles Benavent, figura de renome no mundo jazz e do flamenco e asiduo colaborador de Chick Corea, Camarón, Miles Davis ou Paco de Lucía; o arpista colombiano Edmar Castañeda, coñecido por integrar a arpa no estilos jazz e latin; o pianista galego Abe Rábade; a voz nada da mestizaxe palestina e galega, Najla Shami; e o percusionista e un dos educadores máis emblemáticos de Galicia, Carlos Castro

Xornada Educa

Tras o primeiro achegamento entre músicos convidados e inscritos, a partir das 17:30 horas terá lugar a Xornada Educa, onde se reflexionará sobre a necesaria presenza das artes nos sistemas de ensino a través de proxectos e iniciativas de diferentes partes do mundo, incluídas as galegas, nas que a música contribúe a mellorar os currículos escolares.

Esta xornada contará coa presenza de Damian Woetzel, ex bailarín principal do New York City Ballet, que presentará o proxecto ‘Arts Education’ posto en marcha polo goberno de Obama; o profesor de Comunicación Audiovisual Xaime Fandiño; o director xeral da Fundación Barrié, Javier López, quen compartirá co público o proxecto educativo Educabarrié; e Antía G. Ben, quen mostrará unha selección de iniciativas innovadoras da integración da música na educación.

Ademais dos inscritos ao ‘Galician Connection’, a Xornada Educa ábrese ao público xeral totalmente de balde. Para participar só é necesario inscribirse en www.cidadedacultura.org ata completar o aforo. 

Concerto Galician Connection: domingo ás 19:00 horas

As xornadas do venres e do sábado estarán dedicadas á interacción entre músicos e inscritos, que terán a oportunidade de concertar pequenas entrevistas individualizadas co artista que desexen coñecer profesionalmente, ao tempo que accederán a ‘workshops’ onde afondarán no coñecemento das distintas realidades musicais do mundo e aproximarse a instrumentos singulares. 

Ás 19:00 horas do domingo, o fin de festa chegará ao Museo Centro Gaiás en forma do concerto a cargo dos músicos convidados, que interpretarán pezas de cada unha das tradicións culturais que representan e que se irán artellando ao longo das tres xornadas de experimentación e colaboración. As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura a un prezo de 12 euros, e no portal www.servinova.com a 12 euros máis gastos de xestión. Tamén será posible retirar a entrada o propio día do concerto na billeteira do Museo Centro Gaiás a un prezo de 15 euros.