Aberta a inscrición para o grupo de lectura de 'Escenas do cambio'

Santiago de Compostela, 11 de Xaneiro de 2016

A Cidade da Cultura convida a profesionais do sector artístico a participar no Grupo de lectura e acompañamento ao festival Escenas do Cambio, que terá lugar do 28 de xaneiro ao 6 de febreiro da man da investigadora e teórica en artes escénicas Isabel de Naverán e a coreógrafa Idoia Zabaleta.

Baixo o título Contar para olvidar, a Cidade da Cultura convida a profesionais da interpretación, bailaríns, performers, estudantes, coreógrafos... a repensar os procesos creativos ao longo das dúas primeiras semanas do festival Escenas do Cambio. Divido en dúas partes, os participantes asistirán a un grupo de lectura, máis teórico; e un grupo de acompañamento ao festival, onde se reflexionará, dialogará e escribirá ao redor das obras programadas no Escenas do Cambio 2016. 

O curso está dirixido a profesionais do sector artístico e terá lugar do 28 de xaneiro ao 30 de xaneiro baixo as directrices de Isabel de Naverán, e do 1 ao 6 de febreiro da man de Idoia Zabaleta. O proceso de inscrición comeza hoxe, 11 de xaneiro, e permanecerá aberto ata o vindeiro luns, 18 de xaneiro. Para solicitar praza só é necesario enviar un mail a actividades@cidadedacultura.org cos datos persoais, acompañados do curriculum vitae (máximo un folio) e unha carta de motivación. 

As propias Isabel de Naverán e Idoia Zabaleta, xunto co director do festival Pablo Fidalgo e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira, serán os encargados de seleccionar aos 15 participantes neste curso. O 21 de xaneiro darase a coñecer o nome dos elixidos.

 A participación neste curso formativo é de balde e inclúe a entrada a todas as funcións do festival Escenas do Cambio, con comidas incluídas. 

Dúas recoñecidas profesionais 

Contar para olvidar. Grupo de lectura e acompañamento ao festival Escenas do cambio estará impartido por dúas recoñecidas profesionais do mundo das artes escénicas.

Isabel de Naverán é investigadora  e teórica en artes escénicas. É membro de Bulegoa Zenbaki Barik, unha oficina de arte e coñecemento localizada en Bilbao, e forma parte do grupo de investigación ARTEA, de Madrid. Dedícase principalmente á escritura de ensaio crítico e á creación de contexto no que se deu en chamar a coreografía espandida. É Doutora en Belas Artes pola Universidade do País Vasco; forma parte do equipo do Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual (MNCARS, UCLM, Madrid). 

Idoia Zabaleta, pola súa banda, é coreógrafa. Na Facultade de Bioloxía especializouse en ecosistemas e dinámica de poboacións. Estudou nova danza e improvisaciòn en Barcelona, Florencia, Amsterdam e Nova York. Traballou coa compañía Mal Pelo entre 1995 e 1999. Desde o ano 2000 coproduce e crea o seu propio traballo, colaborando con outros artistas e investigadores como Isabel de Naverán, Filipa Francisco, Antonio Tagliarini, Claudia Dias, Sofia Asencio entre outros. Desde 2008, constrúe e goberna xunto con Juan González, o espazo de creación e residencias artísticas AZALA, situado no mesmo pobo onde vive. 

Escenas do Cambio 2016 

A Cidade da Cultura celebrará do 28 de xaneiro ao 13 de febreiro o Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción, que traerá 18 compañías de 10 países, cunha presenza destacada de novos creadores galegos e unha ollada a África e América Latina.   

As entradas para Escenas do Cambio están xa a venda e poden adquirirse no Museo Centro Gaiás, nos puntos físicos de Ataquilla ou na páxina web www.ataquilla.com. Toda a información sobre o festival e as entradas pode atoparse en www.cidadedacultura.gal ou no web www.escenasdocambio.org.

 

 
pdf 997.69 KB