A Xunta reivindica a relevancia de Laxeiro entre os grandes pintores europeos do século XX na inauguración da súa exposición no Instituto Cervantes de París

Santiago de Compostela, 01 de Febreiro de 2023

A Xunta de Galicia e o Instituto Cervantes inauguran hoxe en París, coa colaboración da Embaixada de España en Francia, a exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), en homenaxe a un dos pintores galegos máis relevantes do século XX e figura destacada da vangarda pictórica española. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, á fronte da delegación galega, indicou que a mostra chega á capital francesa co obxectivo de reivindicar a nivel internacional o legado do artista.

Neste sentido, durante a presentación da exposición referiuse ao “orgullo” que supón para Galicia a presenza de Laxeiro na sede do Instituto Cervantes de París grazas, dixo, a un “gran proxecto” que evidencia “a gran relevancia internacional e o carácter universal do que goza o artista e o interese que a súa obra ten fóra do noso país”.  

Referiuse á “xenialidade natural” de Laxeiro que foi quen de “crear un selo pictórico que transcendeu ao seu tempo e a súa terra, como demostra traer esta mostra a París”. Engadiu que a intención é “seguir reivindicando a súa marca e divulgando a súa obra, que permitirá a aqueles que non a coñezan descubrir un artista único na historia de Galicia e España, que foi quen de crear un selo pictórico propio que transcendeu ao seu tempo”.

Tras a presentación, esta tarde celebrarase o acto oficial de inauguración nun acto no que o conselleiro de Cultura estará acompañado polo embaixador de España en Francia, Victorio Redondo Baldrich; o embaixador de España na UNESCO, José Manuel Rodríguez; e o embaixador de España na OCDE, Manuel María Escudero. Tamén asistirán, entre outros, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.

Etapa de madurez de Laxeiro

A mostra, que poderá visitarse ata o 12 de marzo no Instituto Cervantes de París, recolle a evolución de Laxeiro durante os 20 anos nos que se instalou en Bos Aires, considerada a súa etapa de madurez, na que realizou algunhas das súa sobras máis destacadas achegándose ao expresionismo abstracto. Esta antoloxía de máis de 20 pezas amosa o seu estilo arxentino, onde se fai patente unha maior agresividade na pincelada. A súa evolución formal estivo condicionada pola realidade que estaba a vivir en contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego no exilio en América.

Está comisariada polo historiador da arte e ensaísta Carlos L. Bernárdez. Entre as obras seleccionadas para esta retrospectiva, ademais de pezas que representan fielmente esa evolución formal experimentada polo artista, inclúense cinco gravados do autor editados en París en 1954.

Máis de 15.000 visitantes

Laxeiro enviou desde Arxentina á capital francesa, segundo explica o comisario da mostra, as litografías que ilustrarían unha antoloxía de poemas de Rosalía de Castro incluídas no volume Poemas. Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez (Edicións Monte Medulio, París, 1954). O libro tamén estaba ilustrado por outros dez gravados de Manuel Colmeiro e Baltasar Lobo, artistas exiliados por aquel entón en París.

 A iniciativa da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Lalín, xurdiu despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicarlle a Laxeiro no 2022 o Día as Artes e viuse reforzada coa implicación do propio Instituto Cervantes e da Embaixada de España en Francia, ademais da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid, unha das institucións culturais máis lonxevas de España da que o propio autor foi alumno e que foi sede desta mostra no pasado verán. A exposición chega a Francia despois da súa estadía en Galicia (na Cidade da Cultura de Galicia e en Lalín) e na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid, con máis de 15.000 visitantes.