A Xunta de Galicia anima as familias a participar no Gaiás, o vindeiro 6 de setembro, no tradicional festival Cidade Imaxinaria, unha das citas clásicas da época de estío que forma parte da campaña Para gustos, cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que supón xa a recta final da programación do verán.
Coa celebración da súa décimo terceira edición, a Cidade da Cultura ofrecera unha xornada ateigada de maxia, música, xogos e circo. Dirixida ao público familiar, a cita desenvolverase de xeito ininterrompido, desde as 17,00 h. ata as 22,00 h., con entrada libre e de balde.
Cidade Imaxinaria reúne a 14 compañías e medio cento de artistas provenientes de Galicia, Italia, Guatemala, Francia, Portugal, Cataluña e Madrid con espectáculos de pista, comparsas itinerantes, zonas de xogo e ata a creación conxunta dun mural antipolución e unha escoliña de circo. Este ano, como novidade, prolongarase ata a noitiña para que pequenos e maiores poidan gozar dun espectáculo con iluminación nocturna.
A cerna deste festival é pór a cativada no centro facéndoa partícipe no Gaiás dunha tarde chea de propostas culturais que, ademais de ser fonte de diversión, fomentan a reflexión ao redor do coidado da natureza e da importancia da colectividade. Por outra banda, tamén se promove o benestar emocional desde idades temperás cunha zona sensorial para bebés e o fomento da creatividade e o xogo libre.
Cita clásica do Gaiás
Cidade Imaxinaria é unha das citas clásicas da programación infantil do Gaiás. Desde 2011, e tras un parón durante a pandemia, leva congregando a milleiros de familias ao longo das súas doce edicións previas. Ao realizarse na última fin de semana, antes de que comece o período escolar, procura ser unha proposta cultural de despedida de verán para as familias e tamén das últimas actividades de estío da Cidade da Cultura.
