Remata o programa de transformación dixital en empresas culturais e creativas, no que participaron 25 mozos e mozas

Santiago de Compostela, 16 de Decembro de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu á clausura do programa formativo en transformación dixital, xestión empresarial e emprendemento nas industrias culturais e creativas, organizado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura pola Cámara de Comercio de Santiago en colaboración coa Xunta de Galicia.

Anxo M. Lorenzo participou na entrega de diplomas aos 25 participantes, todos eles menores de 30 anos, que durante seis semanas asistiron a esta acción formativa que lles proporcionou unha visión global daqueles sectores que teñen como obxecto principal a produción, reprodución e difusión de actividades de contido cultural, artístico ou patrimonial.

Durante a súa intervención, o representante da Xunta destacou que este curso busca facilitar a incorporación ao mercado laboral destes mozos así como espertar o espírito emprendedor e fomentar novas actividades económicas. Neste sentido, os asistentes aprenderon a manexar os instrumentos empresariais necesarios para deseñar e dirixir proxectos culturais e adquiriron habilidades para superar aos desafíos aos que se enfronta o emprendedor. Todo isto da man de docentes con ampla experiencia profesional na materia, que tamén ofreceron titorías individualizadas destinadas a apoiar aos participantes na creación do seu proxecto.

O curso desenvolveuse no Centro de Emprendemento (CEM) da Cidade da Cultura que opera arredor da innovación, a tecnoloxía e a cultura e no que medraron máis de 400 proxectos desde a súa creación no ano 2012. O CEM ofrece un espazo de coworking e un viveiro de empresas, ademais dunha área tecnolóxica na que compañías punteiras están desenvolvendo proxectos de apoio a start-ups galegas.