Prometeo, Fausto e Frankenstein reinterpretados nun mesmo personaxe en 'Clásicas desfeitas'

Santiago de Compostela, 15 de Marzo de 2021

O ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego (CDG), botou a andar hoxe coa anovadora reinterpretación de Prometeo encadeado de Esquilo, A tráxica historia do Doutor Fausto de Marlowe e o Frankenstein de Mary Shelley, a cargo da compañía galega Nononon Lab. Esta formación galega —integrada por José Faro, Xacobo Castro, Lucía Estévez, Laura Iturralde e Montse Piñeiro— foi a responsable desta anovadora proposta escénica, levada a cabo ás 12,00 h. nas Torres Hejduk e que se repetirá mañá domingo á mesma hora. Nesta peza ofrécese unha especie de cadáver exquisito coas tres obras literarias co obxecto de configurar un retrato da humanidade moderna.

A representación de hoxe e mañá nas Hejduk supón ofrecerlle ao público poder ver o resultado creativo do primeiro volume das Clásicas desfeitas, unha das cinco Residencias artísticas do Gaiás (REGA) 2021. O Volume II, a cargo do compositor Pablo Seoane, e Volume III, dirixido po Gena Baamonde, Rut Balbís e Manu Lago, representaranse no Salón de Convencións do CINC e no Museo Centro Gaiás os vindeiros domingos 21 e 28 de marzo, respectivamente, con entradas que se porán á venda cada semana en ataquilla.com.