Pop-folk con toques electrónicos para arrancar agosto en Atardecer no Gaiás

Santiago de Compostela, 01 de Agosto de 2018

O ciclo de concertos ao solpor Atardecer no Gaiás continúa nesta calorosa primeira semana de agosto con tres propostas tranquilas e ben diferentes para musicar os xoves, venres e sábados do verán na Cidade da Cultura. O encargado de pórlle banda sonora á primeira das citas deste agosto 2018 será Yuri Méndez, co seu proxecto Pajaro Sunrise. O traballo do cantante, músico, compositor e produtor nado en León oscila entre o pop, o folk e a música electrónica cantada en inglés. Os seus temas, ás veces divididos entre letras melancólicas e melodías alegres, foron escollidos para musicar desde series de televisión a anuncios publicitarios, entre os que destaca por ter aparecido, por exemplo, na serie norteamericana Castle.

Pajaro Sunrise comezou sendo o proxecto conxunto de Yuri Méndez e Pepe Lopez. O seu primeiro álbum, gravado, mesturado e producido por eles mesmos con medios caseiros en 2006 foi acollido con moito calor polos medios especializados. Chegou a ser publicado en Xapón e Corea do Sur e foi seleccionado tamén como Novo Talento FNAC.

Xa en 2013, e tras varios cambios nos integrantes do grupo, Pajaro Sunrise edita Kulturkatzenjammer, un álbum composto, cantado e musicado por Yuri Méndez que se afasta do folk americano de traballos previos achegándose á electrónica. En 2016 publícase Collapse, un disco con 14 temas novos cheos de humor negro que esta semana poderemos escoitar no Gaiás á hora do solpor, xunto a algún dos temas inéditos que están a punto de ver a luz no seu novo traballo.

Mesturando raíz e vangarda: Fernando Barroso e Baiuca

Xa o venres chegará á Praza Central da Cidade da Cultura o ferrolán Fernando Barroso, acompañado pola novísima violoncellista viguesa Margarida Mariño e a icónica Celina da Piedade. Os tres presentarán no Gaiás Silence Lovers Club, un traballo no que a mandolina se erixe como protagonista dun repertorio orixinal de doce temas inspirados tanto por compositores clásicos doutras épocas, como por instrumentistas actuais de diferentes estilos e lugares do mundo. Fernando Barroso compón así temas que van dende o swing/jazz, pasan pola música persa ou barroca, e rematan poñendo un pé na música popular.

Será unha excelente oportunidade tamén de gozar do inmenso carisma en directo de Celina da Piedade, que ten levado o seu acordeón e a súa voz aos contextos máis diversos, entre formas e cores tradicionais, paseos polos recordos da música de raíz e un sentimento máis moderno e universal. A artista portuguesa debuxa unha música chea de alma e personalidade, que, no escenario, gaña coa súa formidable presenza.

Por último, Baiuca pechará o sábado esta primeira semana de agosto de concertos ao aire libre co persoal estilo que marca o seu álbum debut. “As Rías Baixas son o noso Amazonas” é como se presenta este novo proxecto capitaneado por Alejandro Guillán, que combina o máis avanzado e vangardista da música electrónica coas raíces máis salvaxes e puras da música tradicional.

Pode unha caixa de ritmos danzar ao ritmo dunha muiñeira? Poden os ritmos de antonte soar aos de pasado mañá? Como conseguir resignificar as marcas culturais da Galicia pasada e a futura? Como se delimitan as fronteiras entre a música tradicional, a folktrónica, a música de clube, a world music, as gravacións de campo e o beat da máquina? Hai espazo para que a música folclórica galega trascenda a territorios máis propios das vangardas musicais? As respostas, no solpor deste sábado na Cidade da Cultura, co directo arriscado pero necesario de Baiuca.

21 concertos para un verán no Gaiás

Estes tres concertos forman parte das 21 actuacións que programa o ciclo musical Atardecer no Gaiás para 2018, unha edición que se caracteriza —ademais de por unha maior presenza das músicas urbanas— pola aposta por voces femininas e que conta coa colaboración do Inaem e patrocinio de Cervezas Alhambra e de A Cantina do Gaiás, no caso das sesións con DJ. Todos os concertos terán lugar na Praza Central do Gaiás, con entrada libre e de balde, ás 21 horas dos xoves, venres e sábados do verán ata o 18 de agosto.

--------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

  • Máis información no blog da Cidade da Cultura
  • música deste Atardecer no Gaiás 2018. 
  • Último autobús de baixada desde o Gaiás ao centro de Compostela é as 23h . 
 
Pajaro Sunrise
Fernando Barroso
Baiuca