O encontro Atlantic Emprende + Gaiás, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo para analizar e debater sobre as transformacións e os retos na industria da música e da organización de festivais, arrancou esta mañá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. O evento, que se desenvolve hoxe sábado durante todo o día, combina relatorios de expertos e expertas do sector, actuacións en directo das bandas galegas Marem Ladson e Mordem, unha exposición de carteis realizados polo recoñecido deseñador catalán Xavi Forné (do estudio Error! Design), e un menú especial do cociñeiro Luis Veira, chef galego galardoado cunha estrela Michelin.
A xornada, que forma parte da programación que impulsa o Gaiás para promover a cultura emprendedora no eido das industrias creativas galegas, daba comezo ás 12 horas con máis de 270 participantes inscritos. A directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, destacou na apertura do evento que “as industrias culturais e creativas, e concretamente a industria musical, son un sector clave polo seu valor e impacto sobre a economía e a sociedade galega”. Parte desa influencia, explicou “é facilmente medible, pois o sector musical ademais de crear emprego xera turismo de calidade, mentres que outra parte, non menos importante, vincúlase á calidade de vida, á cohesión social, á creación de espazos públicos máis habitables ou á xeración de valores innovadores e creativos”.
A programación desta mañá completouse con dous relatorios de grande actualidade para o sector. Dunha banda, unha análise da influencia dos eventos musicais sobre os territorios a cargo do experto en xestión cultural e investigador do programa FestGalicia, Fran Núñez; e doutra unha charla sobre a relación entre os artistas e os patrocinadores da man de Pedro Álvarez Cortizo, responsable de Patrocinios da Zona Norte de Movistar.
O peche musical da primeira parte da xornada púxoo Marem Ladson, artista galego-estadounidense que debutou a pasada primavera cun traballo eloxiado pola crítica e que a levou a ser programada en multitude de festivais nacionais. Ademais, as persoas asistentes puideron saborear, un menú deseñado polo ‘cociñeiro Mahou’ Luis Veira, cociñeiro galego galardoado cunha estrela Michelin polo seu traballo no restaurante coruñés Árbore da Veira.
Completa programación durante todo o día
Ao longo da tarde, continúan os relatorios cunha reflexión sobre as novas vías para achegarse á audiencia a través das banda sonoras de series ou películas na ponencia de Keina García, directora e socia fundadora de Ártica Pro / Mushroom Pillow, e manager de artistas como Najwa Nimri, El Columpio Asesino, La Habitación Roja, WAS, La Bien Querida ou Triángulo de Amor Bizarro. Pola súa banda Miqui Puig, líder de Los Sencillos, compositor, locutor e recentemente moi popular pola súa aparición en programas televisivos de grande audiencia como Operación Triunfo ou Factor X, explicará as claves para que un proxecto musical perdure no tempo, adaptándose aos cambios nas esixencias do mercado.
Xavi Forné, autor de pósters para bandas internacionais como Wilco, Mastodon ou The Black Keys ofrecerá tamén unha charla sobre as claves do deseño de carteis musicais que complementa a mostra que acolle o encontro.
A muller no sector da música
A presenza da muller na industria musical centrará a ponencia ‘Elas cantan, elas falan’ do xornalista Toni Castarnado, colaborador de MondoSonoro, Ruta 66, El País, Cadena SER e autor de libros como Muller e música e este será tamén o tema protagonista da ponencia de Maritxu Alonso, educadora social, profesora e investigadora feminista e membro de MIM (Mulleres na Industria da Música).
João Vasconcelo, fundador da canle de televisión portuguesa Canal 180, premiada no Festival de Cannes, ofrecerá a súa experiencia no uso da creatividade audiovisual para a promoción de novos produtos musicais, así como as novas estratexias para a promoción de bandas e artistas a través das redes sociais.
A música de Mordem, proxecto tras o que se encontra a galega Elba Fernández, pechará o Atlantic Emprende + Gaiás cos seus sons próximos aos trip hop, ao dreampop ou ao R&B.
Debate, formación e análise
A xornada Atlantic Emprende + Gaiás promove a formación, reflexión e debate arredor dos retos e oportunidades da industria musical a través de paneis que abordan temas de plena actualidade e interese para o sector. O evento, organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia en colaboración co Atlantic Fest quere promover o intercambio de coñecemento e a formación de estudantes e profesionais da industria musical. O evento contou tamén co patrocinio de Mahou.
O encontro enmárcase na programación do Centro de Emprendemento (CEM) da Cidade da Cultura, espazo que, ao longo de todo o ano, desenvolve diferentes actividades dirixidas a promover a cultura emprendedora na comunidade. En 2018 organizáronse 71 actividades, nas que participaron máis de 14.000 persoas. O Gaiás, a través do seu Centro de Emprendemento, apoiou máis de 400 proxectos desde a súa apertura e actualmente acolle un total de 90 proxectos emprendedores residentes.




