O papel da muller na cultura urbana galega, protagonista dun encontro no Gaiás

Santiago de Compostela, 04 de Setembro de 2021

A Cidade da Cultura acolleu esta fin de semana o encontro Mulleres e Cultura Urbana, un evento impulsado por 7H Cooperativa Cultural co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 que procura fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades de xénero no sector.

Esta segunda edición do encontro busca consolidar a iniciativa e convertela en referente iberoamericano na promoción da cultura urbana como patrimonio cultural contemporáneo desde unha perspectiva innovadora e feminista.

Mulleres e Cultura Urbana propón en 2021 dúas xornadas de análise, exhibición e creación artística colectiva en clave de xénero arredor da cultura urbana galega. O programa de actividades, dirixido tanto a profesionais do sector como a público mozo e familiar, combina propostas de experimentación creativa nos eidos do graffiti, a música, o baile e o deporte co diálogo, a reflexión e o intercambio de experiencias.

Experiencias cruzadas

A primeira xornada, o venres, destinouse á análise colectiva das boas prácticas na organización de festivais e eventos no sector da cultura urbana. Abordáronse cuestións vencelladas á igualdade de oportunidades e de remuneración, á propiedade intelectual e á liberdade de creación, co obxectivo de tecer un encontro propositivo, catalizador da reflexión e estímulo do pensamento transformador e colaborativo.

As actividades continúan este sábado a partir das 17,00 horas no Xardín do Teatro coa Delas Jam, un encontro de experimentación con spray destinado a xerar un espazo lúdico e seguro para a creación de artistas. Os espazos aberto do Gaiás transformarase nunha pequena galería de arte ao aire libre a través da instalación efémera de superficies de papel de celofán entre as árbores, sobre as que artistas e escritoras do graffiti crearon as súas pezas. Carola Bagnato (Mar del Plata, 1990), Ira (Compostela, 1987), Killa Ek (Quito, 1991), Malicia (Barcelona, 1984), Sax (Vigo, 1980), Sphiza (Porto, 1987), Zurik (Bogotá, 1990) foron as sete creadoras seleccionadas para tomar parte neste evento de improvisación pictórica, a través dunha convocatoria que tivo como xurado a Clara Rodríguez Cordeiro, presidenta de 7H Cooperativa Cultural; María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, e Anna Dimitrova, directora da Montana Gallery.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, farán un percorrido polas distintas actividades de creación e experimentación artística urbana.

A música e o baile tamén gañarán presenza nesta edición grazas á participación do combo galego de DJ Akazie e Russinha, que se encargará de crear ambiente no recinto e un obradoiro de ritmos urbanos con Jana Feeling. Para enriquecer a programación e incorporar os deportes urbanos á mesma, celebrarase en paralelo a Jam femenina de skate na pista do Gaiás, e co gallo de fomentar unha maior e máis activa participación do público reservarase un espazo para a improvisación libre con spray. Finalmente, a xornada despedirase no escenario do anfiteatro coa actuación de Menina Arroutada a partir das 20,00 horas.

Tanto desde o enfoque máis teórico e deliberativo como desde a perspectiva práctica, participativa e experimental, ambas as xornadas procuran ofrecer unha resposta coordinada a un discurso que desdeña o rol das mulleres na cultura urbana e incorporar o galego como lingua vehicular e estratéxica neste eido artístico.