O nuncio do Papa e o Custodio de Terra Santa viaxan a Santiago para a inauguración da mostra «Tesouros reais»

Santiago de Compostela, 19 de Marzo de 2024

O nuncio do Papa en España, Bernardito Auza, e o custodio de Terra Santa, Francesco Patton —máximo responsable da institución gardiá desde fai 800 anos dos Santos Lugares en Xerusalén— viaxarán a Santiago de Compostela para asistir este xoves á cerimonia de inauguración da exposición Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Así o avanzou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, durante unha visita á montaxe da exposición.

Tamén estarán presentes na inauguración o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto e o arcebispo de Mérida-Badaxoz, José Rodríguez Carballo —que desempeñou o cargo de Ministro xeral da Orde de Frades Menores entre 2003 e 2013—, entre outras autoridades eclesiásticas.

“Será a primeira vez que se poida ver en España un dos grandes tesouros históricos e artísticos do mundo e temos a honra de que sexa en Galicia, grazas á importancia de Santiago no cristianismo”, destacou o Román Rodríguez. O conselleiro en funcións estivo acompañado por Jacques Charles-Gaffiot e Esperanza Gigirey, que xunto a André Afonso e Juan Manuel Buján conforman o equipo de comisariado deste ambicioso proxecto cultural que o público poderá visitar a partir deste venres.

A mostra, que só percorrerá catro cidades do mundo antes de volver a Xerusalén (Lisboa, Santiago de Compostela e dúas citas máis en Europa e nos Estados Unidos aínda por desvelar), amosa relevos, altares, baldaquinos, cruces, báculos... obxectos dun valor artístico incalculable elaborados en ouro, prata e pedras preciosas, suntuosos agasallos das máis poderosas casas reais católicas europeas á Terra Santa ao longo de medio milenio.

“Teremos a fortuna de poder contemplar obras elaboradas polos artesáns e artistas máis virtuosos da época”, engadiu Román Rodríguez, quen destacou o extraordinario traballo dun equipo técnico encabezado polos profesionais da Cidade da Cultura, pero que contou co asesoramento e a colaboración de expertos de Portugal, Francia e Xerusalén.

Un percorrido pola historia das coroas europeas

Durante séculos, as casas reais europeas doaron suntuosas pezas de arte sacra —así como recursos materiais e financeiros— á Basílica do Santo Sepulcro, lugar de profunda simboloxía espiritual e importante centro de proxección da devoción e do poder dos reis e príncipes católicos.

Tendo como eixo central estas doazóns, o percorrido expositivo viaxa pola historia das coroas de España, Portugal, Francia, o Sacro Imperio Romano-Xermánico e o Reino de Nápoles e Dúas Sicilias, que fixeron chegar a Xerusalén excepcionais conxuntos artísticos de ourivería, téxtiles, tapices, xoias ou mobiliario, para seren utilizados no culto e na ornamentación da Basílica do Santo Sepulcro, e outras igrexas deste territorio.

A mostra complétase con pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras das coleccións do Museu Calouste Gulbenkian, do Museo Nacional de Arte Antiga de Lisboa, da Biblioteca Nacional de Portugal ou da Colección BBVA, entre outras. Destacan tamén obras procedentes de institucións galegas como o Museo das Peregrinacións e o Museo da Catedral de Santiago, o Museo de Terra Santa do Convento de San Francisco de Compostela, o Museo Massó, o Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo; ou pezas senlleiras raramente vistas, pertencentes ás ordes de clausura de Santa Clara en Santiago de Compostela e das Madres Capuchinas de Oleiros.

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes