O mural de Lugrís ‘Translación do corpo do Apóstolo a Santiago’ exhíbese xa no Museo Gaiás trala súa restauración

Mural de Urbano Lugrís 'Translación do corpo do Apóstolo a Santiago' (Fotos: Rocío Cibes)
Santiago de Compostela, 11 de Febreiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou esta mañá o mural de Urbano Lugrís Translación do corpo do Apóstolo a Santiago, obra que a Xunta de Galicia vén de restaurar e recuperar para o patrimonio público e que se exhibe xa de xeito permanente na entrada principal do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.

“A recuperación deste mural representa un compromiso co legado de Lugrís e coa importancia da súa pegada na nosa arte e, por extensión, co amplo e rico patrimonio cultural que ten a nosa Comunidade”, asegurou Román Rodríguez, quen lembrou que en 2023 se conmemoran os 50 anos do pasamento do artista.

O titular de Cultura do Goberno galego explicou que no Museo Gaiás pódese contemplar tamén outro mural de extraordinaria calidade artística, unha obra realizada por Luís Seoane en Arxentina e que a Xunta recuperou para o patrimonio público no 2020.  “Trátase dunha peza excepcional ao ser unha das poucas testemuñas muralísticas en Galicia deste creador”, asegurou o conselleiro.

O mural de Lugrís narra cunha fonda carga simbólica o relato da traslatio do corpo de Santiago ao seu sepulcro en Santiago de Compostela. O artista reinterpreta este relato relixioso desde a súa poliédrica ollada, poboada dun detallado mundo onírico con influencias que van desde o surrealismo francés de Magritte á pintura metafísica italiana, representada por nomes como Chirico ou Carrá.

A obra nace como un encargo efectuado polo desaparecido Sanatorio Álvarez, de Santiago de Compostela, situado no número 7 da rúa Doutor Teixeiro, pola grande amizade que unía a Lugrís co médico Manuel Álvarez. Realízase, como parte dun conxunto de varios murais, arredor do ano 1957, coincidindo coa época de maior esplendor artístico do pintor. Tras o peche do complexo sanitario compostelán, os murais que albergaba son adquiridos por diferentes coleccións públicas e privadas.

O mural Translación do corpo do Apóstolo a Santiago instalarase nun pequeno negocio hostaleiro de Compostela e é posteriormente vendido á Galería de Arte José Lorenzo, onde permaneceu desde 2005. En 2022, a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, adquire o mural tras o certificado favorable do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

Traballos de restauración

A obra, dunhas dimensións de 167 por 216 centímetros e un peso de arredor de 350 quilogramos, está realizada coa técnica de pintura mural sobre parede de cemento, ladrillo e estucado, contando cun marco de ferro que serve de soporte ao conxunto. O seu traslado á Cidade da Cultura requiriu un equipo técnico especializado na manipulación de bens artísticos.

Para garantir a conservación da obra, o mural foi obxecto dun completo proceso de restauración realizado polo equipo técnico da Cidade da Cultura e que incluíu desde un proceso de limpeza minuciosa da película pictórica, á reparación do marco de soporte, a fixación da policromía nas zonas onde estaba levantada ou deteriorada e o estucado e reintegración cromática naquelas áreas onde presentaba gretas ou falta de película pictórica.