O 'Galiverso' amplía capacidade e contidos logo recibir máis de 1.000 visitas no Gaiás

Santiago de Compostela, 11 de Decembro de 2022

Un total de 1.266 persoas entraron xa no Galiverso desde a súa apertura o pasado 20 de outubro na Cidade da Cultura. O proxecto de realidade virtual, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, recibiu 40 visitantes de media cada día neste período, que puideron gozar da ducia de experiencias de realidade virtual que se ofertan no Museo Centro Gaiás.

A sala do Galiverso dispón actualmente de tres postos con cadanseu equipo de realidade virtual, que poden operar á vez, aínda que cada visitante vive a experiencia de maneira individual. O acceso á instalación é gratuíto, en horario de tarde de martes a domingo e tamén polas mañás nas fins de semana e festivos, agás os luns. Cada sesión dura uns 20 minutos, durante os cales é posible vivir unha ou varias das experiencias.

Ante a boa acollida que está a ter a iniciativa, a Cidade da Cultura trasladará o Galiverso ao andar -1 do Museo do 2 ao 5 de xaneiro ampliando o número de postos de realidade virtual ata 15 —unhas 275 visitas potenciais cada día— e tamén o abano de idades que poden acceder á instalación. 

‘Galiverso’ de Nadal

Como parte da programación de Nadal no Gaiás, haberá  unha nova experiencia adaptada para nenas e nenos de 6 a 11 anos, que terá unha duración menor (cinco minutos aproximadamente) atendendo ás recomendacións de uso da realidade virtual para estas idades. Nela, os máis pequenos poderán entrar na casa do Apalpador para fisgar como vive esta figura mítica do Nadal galego.

A cativada de 12 anos en adiante poderá acceder a todo o Galiverso, e coñecer así a través duns lentes de realidade virtual e recreacións de imaxe e vídeo de gran detalle, algúns dos monumentos, espazos naturais e lugares de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas.

Contemplar o solpor en Fisterra, as vistas da Coruña desde o cumio da Torre de Hércules ou o canón do Sil desde as alturas forman parte do catálogo actual de experiencias que se poden vivir no Museo Centro Gaiás. Tamén internarse na cripta do Apóstolo en Santiago de Compostela, nos mosteiros de Santa María a Real de Oseira e de Santo Estevo de Ribas de Sil, na torre de Xiá en San Paio de Narla, no templo romano de Santa Baia de Bóveda ou nunha palloza no Cebreiro, e percorrer a ponte romana de Ourense, a muralla de Lugo ou os tellados da Catedral de Tui.

Un ‘Galiverso’ máis grande para 2023

Ademais desta edición especial de Nadal, o Goberno galego ten previsto en 2023 crear máis puntos de entrada ao Galiverso en bibliotecas e museos de titularidade autonómica, e expandir as súas fronteiras fóra de Galicia. Na Cidade da Cultura tamén se engadirán novas experiencias interactivas que procurarán ir máis aló da recreación virtual de lugares para visitar.

O Galiverso vincúlase dun xeito especial co futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que acollerá o Gaiás, un centro pioneiro en España que permitirá ampliar os modos nos que o público se relaciona co patrimonio e impulsar o desenvolvemento de actividades innovadoras de apoio á creación dixital nas industrias culturais e creativas.