O Gaiás restaura pezas históricas galegas para incluílas na exposición «Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum»

Santiago de Compostela, 19 de Xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia restaura un conxunto de pezas pertencentes ao Convento de San Francisco de Santiago de Compostela para a súa inclusión na exposición Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum. Entre marzo e agosto, esta mostra exhibirá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, por vez primeira en España, obras mestras da colección histórica do Terra Sancta Museum de Xerusalén.

Tesouros reais suporá para o público galego a oportunidade de contemplar xoias conservadas durante séculos pola Custodia Franciscana da Terra Santa de Xerusalén, doazóns realizadas ao longo de medio milenio polas monarquías católicas de Europa elaboradas polos mellores ourives, artesáns e artistas da época. Tendo como eixo central estas doazóns, a exposición amosará tamén obras de distintos puntos de Portugal —onde actualmente se exhibe a mostra— e de Galicia.

Estas obras galegas inclúen pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras que permitirán afondar na historia dos coñecidos como ‘Santos Lugares’ e achegarse ao nexo que une grandes cidades de peregrinación como Xerusalén, Compostela e Roma. Proceden de entidades prestadoras como o Museo Massó, o Museo da Catedral de Santiago, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo, e os conventos de Santa Clara de Santiago de Compostela e das Madres Capuchinas de Oleiros, ambos de clausura.

Traballos de limpeza e restauración

Entre estas pezas galegas, atópase tamén un conxunto de catro maquetas de madeira e nácara, varias cruces e un relicario dos mesmos materiais, así como unha pintura do século XVIII titulada San Francisco ante o altar de Santiago, de Plácido Fernández, todas elas procedentes do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, que están a ser obxecto de traballos de limpeza e conservación por parte de persoal técnico especializado do Museo Centro Gaiás. Ademais, realizarase a fixación de escamas de policromía desprendidas no caso da pintura, e a aplicación dun vernizado final que mellorará o aspecto e protexerá as obras de danos externos.

Unha das maquetas que están sendo obxecto de intervención é a peza principal da colección do compostelán convento franciscano, realizada a mediados do pasado século polo xefe dos talleres de carpintería do convento de San Salvador de Xerusalén, frei Bartolomé de las Heras. Dunhas dimensións de 2,37 por 3,12 metros e máis dun metro de alto, reproduce en detalle todos os elementos construtivos da Basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén, incluíndo pinturas, pavimentos ou inscricións.

Por outra banda, as maquetas e cruces de nácara e madeira de oliveira, datadas entre os séculos XVIII e XIX, constitúen unha mostra do excepcional traballo artesanal realizado con estes materiais en Belén e Xerusalén. Destacan especialmente dúas cruces de altar, unha delas realizada coa técnica máis antiga que se coñece para este tipo de traballos, documentada en Belén desde o século XVI.

Museo de Terra Santa de Santiago

O Convento de San Francisco de Santiago de Compostela atesoura obras arqueolóxicas, artísticas e documentais, procedentes de doazóns da Custodia Franciscana de Terra Santa, do Padre Vicente Juhasz OFM, do Duque de Terranova, D. Francisco Utray e de Frei Bartolomé de las Heras, entre outros. En 1984, estes fondos depositáronse na súa localización actual, dando lugar á orixe do Museo de Terra Santa de Santiago, que foi inaugurado en 1993 e que actualmente se atopa pechado ao público.

Tesouros reais

A exposición Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum amosará no Gaiás un patrimonio artístico pouco coñecido, que ata o momento apenas foi exhibido ao gran público. Ademais de Lisboa e Compostela, ao circuíto internacional da exposición sumaranse en 2024 e 2025 dous destinos máis, respectivamente, en Europa e Estados Unidos, que serán anunciados en datas próximas. Posteriormente, estas obras comporán o núcleo da colección histórica do Terra Sancta Museum, que prevé abrir as súas portas ao público na cidade vella de Xerusalén.

A mostra conta co historiador francés Jacques Charles-Gaffiot, membro do Comité Científico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, como comisario internacional. Forman parte tamén do comisariado executivo do proxecto a directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago e presidenta do Consello Galego de Museos, Esperanza Gigirey, e o ministro provincial da orde dos franciscanos en Santiago de Compostela, Juan Manuel Buján.