O Gaiás festexa as Letras Galegas emitindo polas redes unha lectura participativa da obra de María Victoria Moreno

Santiago de Compostela, 03 de Maio de 2018

A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha lectura participativa de obras de María Victoria Moreno (Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005), escritora homenaxeada este 2018, e que será emitida en liña polas redes sociais para que cheguen a calquera parte do mundo as creacións desta mestra estremeña, pioneira da narración en galego para as xeracións máis novas.

A actividade Eu conto, título baseado nunha publicación da escritora, desenvolverase en diferentes espazos da Cidade da Cultura de Galicia e tirarase proveito dos visitantes que reciba o 17 de maio, festivo en Galicia, centrándose, sobre todo, nos que se acheguen ao Museo Gaiás, que acolle dúas grandes exposicións: Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación e Baldomero Pestana, a verdade entre as mans.

Estes visitantes serán convidados a facer unha breve lectura dun fragmento da creación literaria de María Victoria Moreno —contos, ensaio, poesía ou narración— que eles escollan libremente da escolma realizada anteriormente por Sara Alonso Pimentel, especialista na obra da autora de libros que entusiasmaron as xeracións máis novas dos 80 e 90 como a A festa no faiado ou Anagnórise, entre outros moitos desta época.

Estas diferentes lecturas  serán emitidas en liña polas diferentes redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook, Twitter e Instagram) como un xeito de achegar as creacións da homenaxeada coas Letras Galegas a calquera recuncho do planeta. Unha vez rematado o 17 de maio, editarase un vídeo con todos os fragmentos, que quedará para o recordo desta conmemoración na páxina web www.cidadedacultura.gal.

ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA DE GALICIA

Á celebración do Día das Letras Galegas da Cidade da Cultura tamén se sumará a Biblioteca de Galicia que este mesmo sábado, día 5, xa organiza a primeira das actividades conmemorativas. Trátase dun obradoiro literario-creativo que leva por título unha das obras infantís moi coñecidas de María Victoria Moreno como é Leonardo e os fontaneiros.

Esta actividade ten como obxectivo traballar a promoción dos hábitos lectores dun xeito lúdico e participativo no que os rapaces e as rapazas sexan parte activa do relato; para iso empréganse xogos, enigmas, novas tecnoloxías, retos e probas. Completará este obradoiro, o espectáculo familiar de monicreques do 19 de maio, María e os ollos alabarados, tamén baseado nun título da escritora, a cargo de Xarope Tulú.

A través de diversos relatos e fragmentos das obras: Mar adiante, Pan con chocolate, Querida avoa... Os rapaces e rapazas participantes percorrerán o universo da autora poñendo de manifesto os temas máis relevantes dos seus escritos, como a importancia dos afectos no ámbito educativo, o respecto á natureza ou o amor polos animais.

Estas dúas actividades da Biblioteca de Galicia son de balde, previa inscrición na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia: www.cidadedacultura.gal