O Gaiás exhibe obras de Man Ray, Le Corbusier, Dalí ou Ray Eames na mostra "Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020"

Santiago de Compostela, 07 de Abril de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Museo Centro Gaiás Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020, unha exposición que chega a Compostela froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación ”la Caixa” e o Vitra Design Museum de Alemaña, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño.

O titular de Cultura do Goberno galego celebrou a chegada a Compostela “dunha das antoloxías sobre deseño contemporáneo e arte surrealista máis sobresaíntes dos últimos tempos e boa mostra da revolución creativa que supuxo esta corrente artística”. Destacou, ademais, a gran proxección internacional desta mostra que se constata, engadiu, nos centros que achegan pezas á mesma, e que xunto ao propio museo Vitra inclúen a Fundación Le Corbusier de París, a Fondazione Giorgio e Isa De Chirico de Roma, o West Dean College británico ou o Museo Den Bosch de Holanda.

Neste senso, Román Rodríguez quixo tamén salientar a “frutífera cooperación” entre a Xunta de Galicia e a Fundación ”la Caixa” que xa posibilitou visitar na Cidade da Cultura, no marco do Xacobeo, proxectos expositivos como Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia –con fondos da Cinémathèque française– e Faraón. Rei de Exipto –con obras do British Museum–.

“A través desta colaboración seguimos traballando no fortalecemento e na promoción da Cidade da Cultura como centro de referencia cultural a nivel nacional e internacional, consolidando un ambicioso proxecto para o Gaiás que se atopa en plena fase de expansión para que sexa un polo que reflicta a diversidade, a innovación e a creatividade”, declarou. Nesta liña, referiuse a que esta exposición completa a programación “atractiva, diferente, vangardista e comprometida coas distintas sensibilidades artísticas e intelectuais” prevista para este ano.

O acto de inauguración contou tamén coa participación da xefa de operacións e directora adxunta do Vitra Design Museum, Sabrina Handler; a responsable territorial da Fundación ”la Caixa”, Susan Santos; a directora comercial de RED Galicia de CaixaBank, Marta Albela e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira.

Diálogo entre arte e deseño

Enmarcada na programación do Xacobeo 21-22, a mostra explora o diálogo entre arte surrealista e deseño a través dunha escolma de 280 obras que inclúen pintura, escultura, obxectos ou fotografías, asinadas por Man Ray, Le Corbusier, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico, Ray Eames ou Frederick Kiesler, entre outros destacados nomes da arte e o deseño dos últimos 100 anos. A exposición, que pode visitarse no Museo Centro Gaiás a partir de mañá e ata o 28 de agosto, está comisariada polo director do Museo Vitra, Mateo Kries, e conta co patrocinio de Hugo Boss e o apoio de Art Mentor Foundation Lucerne.

Despois de presentarse oficialmente en 1924 co Manifesto do Surrealismo de André Bretón, esta corrente artística comezou a inspirarse no deseño e nos obxectos cotiáns, alterándoos para facelos máis fantasiosos, oníricos, irónicos, terroríficos ou emocionais. Malia todo, o impacto deste movemento artístico sobre o deseño é pouco coñecido. O surrealismo animou a moitos deseñadores críticos co racionalismo a cuestionar a realidade e o funcionalismo, e a concibir obxectos que rompen coa rutina e escapan do cotián. A súa influencia estendeuse desde o mobiliario e o deseño de interiores ata a moda, o cinema, ou a fotografía.

Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924–2020 explora este intercambio mutuo, xustapoñendo obras de arte surrealista a destacadas pezas de deseño e afondando nunha das relacións máis significativas e fértiles entre arte e deseño dos últimos cen anos. O proxecto está comisariado por Mateo Kries, historiador da Arte, autor, comisario e director do Vitra Design Museum desde 2011, institución na que traballa desde 1995.

Visitas e programa educativo

A mostra vai poder visitarse na Cidade da Cultura ata o vindeiro 28 de agosto, con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas. Conta cunha oferta de visitas comentadas regulares tamén gratuítas que arrancan xa este venres e un programa didáctico dirixido aos centros de ensino que se desenvolverá no terceiro trimestre do curso escolar. Para consultar máis información e reservar praza cómpre facelo a través da web da Cidade da Cultura de Galicia.

Tras a súa estadía en Compostela, a exposición viaxará ao Design Museum de Londres. Puido visitarse anteriormente en cidades da xeografía española como Madrid ou Barcelona, ademais de no propio Vitra Design Museum.

Colaboracións internacionais

A exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924–2020 é un dos proxectos máis destacados da programación da Cidade da Cultura neste 2022, ano no que ademais se festexa o décimo aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás. Enmárcase nas liñas de acción deseñadas no II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura (2021-2027) para o fortalecemento e a promoción do Gaiás como centro cultural de referencia a nivel nacional e internacional, incluíndo a colaboración con prestixiosas institucións de fóra de Galicia e o establecemento de alianzas para desenvolver proxectos expositivos de primeiro nivel.

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes