O Gaiás, elixido insignia da cultura galega en 2023 polo prestixioso Observatorio da Fundación Contemporánea

Santiago de Compostela, 16 de Xaneiro de 2024

A Cidade da Cultura foi a insignia da cultura galega en 2023, segundo vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de 414 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Así, o Gaiás encabeza a listaxe de propostas culturais en Galicia e entra no número 63 do ránking nacional, no que tamén figura o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no 84, 13 postos por riba de 2022.

Este recoñecemento avala así a calidade e innovación da programación ofrecida pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, que leva cinco anos consecutivos situándose nas tres primeiras posicións deste ránking galego. O panel de expertos do Observatorio da Cultura destaca tamén, entre o mellor da cultura dixital feita en España, as instalacións inmersivas do Galiverso e Hábitats. Natureza estendida, que desde o Museo Centro Gaiás e a través da realidade virtual permiten coñecer, dunha maneira novidosa e accesible, o noso patrimonio natural, histórico e cultural. Entre as actividades desenvolvidas pola Cidade da Cultura o ano pasado, o festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do Cambio, aparece tamén nunha posición destacada dentro da programación cultural galega.

Entradas máis destacadas do ano

Entre as entradas máis destacadas do ano a nivel nacional atópase a Celebración Picasso 1973-2023 e o Centenario Sorolla, dúas efemérides nas que Galicia participa a través do Museo de Belas Artes da Coruña, que por primeira vez aparece nesta clasificación, situándose no posto número 5 das mellores propostas culturais en Galicia. Faino coas exposicións Picasso branco no recordo azul e Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia.

A primeira delas, unha escolma de 120 pezas para reivindicar a influencia galega na obra do artista malagueño, estivo aberta no museo coruñés de marzo a xuño sumando máis de 50.000 visitantes. Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia, coa que a Xunta se suma a conmemoración do centenario do seu falecemento e que retrata o paso do artista por Galicia, así como a súa relación con persoeiros da época, pódese visitar actualmente no museo, onde permanecerá ata o 10 de marzo.

O observatorio da Fundación Contemporánea tamén elixe ao CGAC como a terceira proposta cultural máis destacada do pasado ano en Galicia. O museo celebrou en 2023 o seu 30 aniversario con medio centenar de actividades para repasar a súa historia e poñer en valor a súa traxectoria ao tempo que se impulsaban diferentes disciplinas e se preparaba á institución para afrontar os retos do futuro.

Por outro lado, o Centro Dramático Galego tamén mellora tres puntos a súa posición na clasificación galega ata o posto número 8. A unidade teatral da Xunta de Galicia consolídase así como unha das propostas culturais da Comunidade de cara a celebración este ano do seu 40 aniversario. Figuran tamén diferentes propostas apoiadas pola Xunta de Galicia como O Son do Camiño ou o filme O Corno, que entran por primeira vez no ránking; o Festival Sinsal da illa de San Simón, que figura tamén entre os dez proxectos máis exemplares polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, onde tamén se destaca o Festival da Luz; o Festival Internacional de Outono de Teatro, o Festival de Cans, o WOS Festival a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou a Real Filharmonía de Galicia e Orquestra Sinfónica de Galicia.

Cultura inclusiva e accesible

O informe recoñece tamén o traballo feito polo Goberno galego para dinamizar a cultura en espazos rurais, en liña cos obxectivos da futura Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia. Así, entre as mellores propostas figura o ciclo Cultura no Camiño impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para contribuír á dinamización cultural das localidades polas que discorren as diferentes Rutas Xacobeas en Galicia cun dobre obxectivo: descentralizar a oferta escénica e musical e favorecer a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional. Nesta clasificación figuran tamén proxectos que contan co apoio da Xunta de Galicia como o espazo de creación A Casa Vella de Allariz; o Festival Bal y Gay, na Mariña lucense; o Festival de Cans no Porriño, ou o Festival dos Eidos, no Folgoso do Courel.