O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu a coñecer esta mañá a convocatoria dunha nova residencia artística impulsada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para promover proxectos artísticos vinculados coa investigación científica. Trátase da Residencia ArtLab IGFAE , que promoverá que un artista ou colectivo se integre na vida cotiá da Cidade da Cultura, así como do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, centro de investigación mixto da USC e a Xunta.
Durante a presentación, realizada na nova sede do centro de investigación no edificio Monte da Condesa, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé en que esta convocatoria “abre novas posibilidades para conectar ás creadoras e creadores do país co traballo punteiro que se está a desenvolver desde Galicia no campo da física”. Para conseguilo, a proposta seleccionada poderá familiarizarse coas áreas de investigación, proxectos e enfoques experimentais durante unha estadía no centro.
A Residencia ArtLab IGFAE completarase despois no Gaiás, onde contará tamén cun espazo de traballo e cos equipamentos, recursos técnicos e humanos da Cidade da Cultura. Durante todo este tempo, beneficiarase, ademais, de asesoramento científico e artístico, mediante a colaboración co persoal investigador do Instituto e da Cidade da Cultura, así como de profesionais con experiencia no comisariado e xestión de proxectos culturais.
Esta iniciativa está dirixida a persoas ou colectivos que desenvolvan o seu traballo en todo tipo de disciplinas artísticas (artes plásticas, fotografía, artes de acción, arte sonora, artes dixitais ou arte participativa, entre outras) e cuxas propostas procuran novas perspectivas nos campos da arte, da ciencia, da tecnoloxía e da sociedade, ben a través dunha obra totalmente nova ou da ampliación dun proxecto en curso.
Así, deberán enviar as súas candidaturas antes do 20 de outubro. Unha vez elixido, o creador ou creadora recibirá unha achega de 8.000€ e aloxamento nunha residencia universitaria durante a estadía, que se desenvolverá do un de febreiro ao 30 de abril.
Ademais do director xeral de Cultura, no acto tamén estiveron a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, e o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, Carlos Salgado.
Diálogo entre arte e ciencia
Esta nova iniciativa encádrase nas liñas de apoio á creación do programa de Residencias Artísticas do Gaiás, un conxunto de actuacións promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que só neste ano “beneficiarán a máis de 150 creadoras e creadores e ao redor de 40 técnicos de áreas artísticas diversas”, lembrou o representante da Xunta.
Pola súa banda, a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago, Pilar Murias, sostivo que “esta é a liña na que ten que traballar a Universidade, abríndose á sociedade, e para isto a arte é un medio fundamental". No mesmo senso se manifestou o director do IGFAE, Carlos Salgado, puntualizando que "é un proxecto que xa tiñamos na cabeza desde hai anos para abrir novas vías de comunicación na sociedade".
