O Gaiás despide 2022 con preto de 200.000 participantes no programa cultural e a cifra récord de 28 exposicións

Santiago de Compostela, 03 de Xaneiro de 2023

A Cidade da Cultura despide 2022 superando o millón de visitas e coa cifra récord de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano, un máximo que se acadou precisamente durante a celebración do décimo aniversario do Museo Gaiás. Co obxectivo de levar os seus contidos máis alá de Santiago de Compostela e ampliar o público que pode acceder a eles, as mostras exhibíronse non só nos espazos da Cidade da Cultura, senón tamén nunha decena de centros e museos doutras localidades.

Péchase así un exercicio no que un dos fitos foi a posta en marcha do Edificio Fontán. Só un ano despois do remate das obras, son xa 130 persoas -entre persoal técnico e investigador- as que traballan nas institucións residentes: o Consello Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) ou o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. Está previsto que este número continúe a medrar ata chegar aos douscentos traballadores.

Máis alá da actividade ordinaria desenvolvida polas institucións residentes, as instalacións do Fontán -entre as que se conta o maior auditorio da Cidade da Cultura - acolleron un total de 112 eventos (congresos, seminarios, foros...), nos que participaron máis de 11.000 persoas, números que dan conta do grao de actividade desta nova infraestrutura dedicada a impulsar a calidade do sistema universitario galego e os estudos do patrimonio.

O balance cultural de 2022 péchase cun total de 200 actividades e máis de 190.000 asistentes, datos que acreditan como o número de participantes no programa do Gaiás se duplicou na última década.

  

Colaboración con 30 institucións europeas

A oferta deste ano veu marcada pola internacionalización, con colaboracións con prestixiosos museos, como a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020 ou Camiños creativos, mostra organizada con préstamos de obra de 30 institucións europeas. A dixitalización, con propostas como Carne y Arena de Alejandro G. Iñárritu ou o Galiverso, foi outra das claves. De feito, a Cidade da Cultura está a desenvolver o proxecto do que será o primeiro centro de artes dixitais de Galicia.

O Gaiás, seguindo os obxectivos fixados no seu II Plan Estratéxico, impulsou un programa de itinerancias co fin de levar os seus contidos a outros centros culturais principalmente de dentro de Galicia, pero tamén de fóra. Neste eido, Cidades no tempo foi a principal aposta, unha proposta loxisticamente complexa que supón a organización dunha mostra en cada unha das sete principais cidades galegas e que botou a andar en 2022 con Santiago e Ferrol no tempo. Xunto a estas dúas cidades, o programa de itinerancias fixo posible achegar exposicións do Gaiás a Vigo, A Coruña, Lugo, Lalín, Tui ou Madrid.

Este programa de itinerancias permitiu pór o foco na figura de Laxeiro no ano que a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou a un dos principais pintores galegos do século XX. A exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires 1950-1970), inaugurada en Lalín -localidade natal do pintor-, viaxou á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid) antes de ser exhibida no Museo Gaiás. En xaneiro, continuará o seu periplo en París, completándose un proxecto que está a permitir actualizar e difundir fóra de Galicia o legado dun dos creadores galegos máis singulares.

Apoio á creación

Outra das prioridades de 2022 foi o apoio á creación, a través do programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA). Máis dunha vintena de proxectos beneficiáronse desta iniciativa, que por vez primeira incluíu unha convocatoria pública coa adxudicación de becas de 8.000 euros para promover que se desenvolvan proxectos artísticos aproveitando os recursos técnicos e espazos da Cidade da Cultura.

Ao longo deste Ano Santo bienal, o Gaiás contribuíu de xeito moi significativo ao programa do Xacobeo 21-22, principalmente a través da organización da súa oferta expositiva, producindo mostras polas que pasaron máis de 200.000 persoas e con títulos como Xacobeo. As pegadas do Camiño ou a triloxía formada por Galicia, un relato no mundoGalicia, de Nós a nós ou Galicia futura.

Eventos no Gaiás

O incremento da actividade no Gaiás reflíctese non só no seu programa cultural, senón tamén na súa capacidade para atraer eventos. De feito, en 2022, os seus espazos acolleron preto de 400 eventos con máis de 37.000 participantes. As cifras refírense a congresos, presentacións, foros ou xuntanzas organizadas por empresas, organizacións sociais ou institucións.

Por outra banda, un ano máis cabe salientar como o equipamento e a capacidade das instalacións da Cidade da Cultura serve á Xunta de Galicia para dar resposta a demandas especiais. Así, o edificio CINC está a acoller o xuízo do Alvia, unha das causas máis complexas da historia xudicial galega, entre outros factores, polo elevado número de partes que participan. Nesta liña, o Gaiás colaborou de novo co Sergas ofrecendo a Sala Eisenman como centro de vacinación, espazo polo que pasaron 265.000 persoas e que rematou de cumprir esta función o pasado novembro. Estas cifras quedan excluídas do cómputo global.

Áreas verdes

A Xunta continuou en 2022 a mellorar os atractivos dos espazos exteriores e fíxoo coa creación dunha pista de BMX na zona sur e dun labirinto, construído a xeito de instalación artística, dándolle unha segunda vida a placas de formigón sobrantes da estrutura do Teatro da Música, onde se atopa hoxe o Edificio Fontán.

Ambas instalacións súmanse ás esculturas de artistas como Francisco Leiro ou Manolo Paz, a rede de sendas e miradoiros cos que se busca pór en valor as corenta hectáreas verdes do Gaiás, onde medran máis de 12.000 árbores, no que será un dos bosques de especies autóctonas máis grandes á beira da AP-9 .