A Cidade da Cultura programa este verán o campamento urbano Raíces e ás, unha proposta concibida para facilitar ás familias a conciliación nas derradeira semana de xuño e primeira de setembro e tamén para crear entre a rapazada unha conciencia ambiental sólida, fomentando valores como o vencello coa natureza, o espírito de descubrimento, a creatividade, a igualdade, a convivencia e o traballo en equipo.
O campamento oferta –nas mañás da semana inmediatamente posterior ao remate do curso escolar e na anterior ao arranque do vindeiro ano lectivo– 80 prazas destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 14 anos. A rapazada gozará dun completo programa de activades lúdicas, amenas e formativas para achegarse á biodiversidade dos espazos verdes do monte Gaiás nun ambiente de igualdade, respecto e convivencia. Raíces e ás promove así entre as xeracións máis novas a conexión cos espazos naturais a través dunha experiencia enriquecedora e divertida, contribuíndo a formar unha xeración máis comprometida co coidado e a preservación do medio ambiente.
Entre as actividades programadas inclúense desde a construción de refuxios de morcegos e hoteis de insectos para a súa colocación posterior no Parque do Lago, á busca de pegadas de animais ou o recoñecemento de árbores e plantas, xincanas nos espazos verdes, actividades teatrais, ou ata unha noite de acampada no Bosque de Galicia (incluída só para o grupo de nenos e nenas de maior idade, a partir de 8 anos).
Programación familiar no Gaiás
Con esta actividade, a Cidade da Cultura afonda na súa liña de programación familiar cunha proposta que atende as necesidades de conciliación de nais e pais de maneira transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados que promove a corresponsabilidade entre homes e mulleres.
O campamento organízase en dúas quendas semanais a escoller –do 24 ao 28 de xuño e do 2 ao 6 de setembro–, e dous tramos de idade diferenciados –de 4 a 7 anos e de 8 a 14 anos. As actividades desenvolveranse na Cidade da Cultura de 10,00 a 15,00 horas, de luns a venres, con servizo madruga baixo demanda, desde as oito da mañá.
Plan Corresponsables
A iniciativa forma parte do Plan Corresponsables, posto en marcha pola Xunta a través dun convenio de colaboración entre as consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Política Social e Igualdade para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica.
En total, ao abeiro do Plan Corresponsables promovido pola Xunta desenvolveranse medidas de conciliación nos concellos galegos, en 57 ANPAS e ao redor de 20 entidades de iniciativas social, federacións deportivas e campamentos. O programa inclúe campamentos e obradoiros relacionados co ámbito cultural, actividades de animación á lectura e de reforzo educativo, entre outras, todas elas prestadas por persoal cualificado.
