O Arquivo de Galicia festexa o Día dos Arquivos cunha exposición sobre o Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 09 de Xuño de 2021

A Xunta de Galicia súmase á celebración do Día Internacional dos Arquivos con Camiños, Paisaxe e Patrimonio, a nova mostra do Arquivo de Galicia que foi inaugurada hoxe co gallo desta efeméride polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo. Trátase dunha exposición na que se ofrece ao visitante un percorrido polos diferentes itinerarios da Ruta Xacobea a través da documentación, fotografías, planos ou expedientes que ten en custodia o Arquivo de Galicia.

O responsable de Cultura da Xunta destacou a importancia de preservar a protección destas dotacións que ofrecen unha testemuña indeleble do noso pasado “para seguirnos facendo presente e futuro”. “Hoxe o presente galego pasa por un Xacobeo doble que nace da historia e medra para propulsar Galicia como un destino cultural e patrimonial”, afirmou Román Rodríguez.

Na mesma liña, o conselleiro explicou que parte da “herdanza patrimonial que nos define como pobo” queda recollida en Camiños, Paisaxe e Patrimonio que reflicte, a través dunha decena de espazos, a historia dos itinerarios de peregrinación plasmada nos documentos conservados nesta dotación cultural. “Son valiosos materiais que constitúen unha manifestación da identidade galega e do noso patrimonio cultural a través das grandes vías de comunicación que encamiñan a Santiago”, engadiu.

“O labor arquivístico é fundamental para conservar o noso pasado, pero debe tamén xogar un papel protagonista na constitución da comunidade do futuro”, expresou Román Rodríguez antes de facer un chamamento para “apoiarnos nos avances tecnolóxicos para blindar e garantir esta disciplina”. Referiuse, concretamente, ao emprego da intelixencia artificial no procesamento da información, a preservación dixital como tradución inmaterial do legado patrimonial e ao emprego das tecnoloxías emerxentes para o enriquecemento da práctica arquivística.

Guía de xestión documental

Co gallo da celebración do Día Internacional dos Arquivos, ademais de inaugurar esta mostra, a Xunta de Galicia tamén distribuirá unha nova guía de xestión documental para os traballadores dos arquivos de xestión e de oficina das súas sedes. A intención é concienciar da importancia de levar a cabo unha adecuada xestión destes documentos tanto para facilitar o traballo da administración como para mellorar os dereitos de acceso da cidadanía e investigadores.

A iniciativa enmárcase na liña de traballo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que está a avanzar no Plan de Arquivos para mellorar a xestión dos documentos que custodia tanto na súa sede central como nas provinciais. Estanse ultimando as liñas de dito plan grazas a un diagnóstico en máis de 1.000 locais destinados ao depósito documental da Xunta, que custodian algo máis de 164 km de documentación, dos que case 59km corresponden aos servizos centrais e algo máis de 100 ás xefaturas territoriais. Tamén se detectou a necesidade de reforzar os coñecementos por parte do persoal que manexa a documentación para aplicar un correcto tratamento arquivístico aos fondos.

Subvencións a entidades locais

O compromiso con estas dotacións reflíctese tamén na liña de axudas destinada a mellorar as infraestruturas dos arquivos municipais e de entidades sen ánimo de lucro que, avanzou, a Xunta de Galicia vén de resolver e que conta cunha achega de 145.000€. Trátase dunha orde coa que o Goberno galego colabora no financiamento de actividades relativas á organización arquivística tanto da administración local como das entidades sen ánimo de lucro da que se benefician 21 concellos galegos e sete fundacións ou asociacións.

A finalidade desta liña de axudas é dotar a estes arquivos da infraestrutura e equipamento adecuado para que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes para que os cidadáns teñan o mellor acceso posible á información.