Máis de 30 ideas de innovación no sector cultural concorren aos Premios Emprende Cultura Gaiás Sixto Seco

Santiago de Compostela, 15 de Novembro de 2019

Máis de 30 ideas emprendedoras de innovación no sector cultural concorren aos Premios Emprende Cultura Gaiás Sixto Seco, das que se coñecerá as gañadoras o vindeiro xoves 21 de novembro. O xurado, do que forma parte o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, reuniuse hoxe.

O certame, promovido pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co Igape e co patrocinio de Afundación, está dividida en dúas modalidades: proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica por unha banda, e proxectos en internet ou desenvolvemento de apps no sector cultural. De entre todas as ideas presentadas, o xurado seleccionou un proxecto gañador por cada categoría, que recibirá cadanseu premio de 3.000 euros en metálico ademais de poder incorporarse de maneira gratuíta e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

A entrega de premios, que terá lugar no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, contará coa conferencia titulada O poder da conversa: comunicar para emprender, a cargo da catedrática de Lingüística e divulgadora, Estrella Montolío, con entrada libre e de balde para todo o público interesado ata completar capacidade.

Os Premios Emprende Gaiás Sixto Seco favoreceron, desde a súa primeira edición no ano 2013, o inicio de proxectos que apostan por innovar no ámbito da cultura, moitos dos cales son a día de hoxe empresas consolidadas. Os galardóns, que homenaxean ao médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, confírmanse como unha das principais liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento e a creación de emprego no eido cultural e creativo e a desenvolver unha programación que estimule o talento e cree cultura emprendedora en Galicia.