A intervención artística de Francisco Leiro 'Zapatos no Camiño' amplía o vencello entre o Gaiás e o Xacobeo

Santiago de Compostela, 09 de Xullo de 2021

A Xunta de Galicia amplía o vencello entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago coa instalación no Bosque de Galicia dunha intervención escultórica de Francisco Leiro, Zapatos no Camiño, que pode visitarse desde hoxe. A obra, composta de tres pezas realizadas en diferentes materiais, sitúase na cima da ladeira do Monte Gaiás que se abre sobre Compostela, establecendo un diálogo visual coa Catedral de Santiago e a Vía da Prata, que discorre paralela ao complexo na súa entrada á capital de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado de Francisco Leiro, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe este proxecto escultórico, enmarcado no Xacobeo 21-22. O titular de Cultura do Goberno galego destacou esta peza como “unha intervención artística contemporánea e universal, que se converterá en obra de referencia e obrigada visita, contribuíndo a consolidar o atractivo natural e de lecer que xa posúe o Bosque de Galicia”.

O conselleiro quixo tamén agradecer o seu traballo ao escultor Francisco Leiro, “un dos creadores de Galicia máis destacados de todos os tempos, cunha produción plástica inconfundible, que agora se suma aos nomes dos creadores e creadoras que deixan a súa pegada artística nesta contorna do monte Gaiás”.

Producidas con materiais perdurables e cunha concepción formal conectada coa contorna natural na que se sitúa, co Camiño de Santiago como marco contextual, as esculturas realizadas por Leiro representan tres zapatos de peregrino: un realizado en granito, outro en formigón e outro en ferro fundido, tendo as tres unhas dimensións de arredor dos dous metros, para poder contemplarse desde a distancia. Os zapatos convértense neste caso en obxectos humanizados que simbolizan o esforzo e a vontade do camiño percorrido, mentres que a súa concepción formal chama á interactividade cos visitantes, podendo ser empregados como obxectos de descanso por parte do público.

Zapatos no Camiño súmase á serie de intervencións artísticas e paisaxísticas que a Xunta de Galicia está a promover nos espazos exteriores da Cidade da Cultura, directamente ligadas co feito xacobeo e con Compostela como destino internacional da peregrinación. Entre elas, as persoas visitantes poden atopar xa a obra Espellos, do escultor Manolo Paz; Constelacións II, de Clara Montoya –coñecida tamén como o banco do peregrino–; ou a pirámide de metal de Alicia Framis titulada Deixa aquí os teus medos na contorna do Xardín Literario. As intervencións complétanse anualmente coas obras efémeras do ciclo Reb/veladas na paisaxe, que leva tres edicións poñendo en valor as creacións contemporáneas realizadas por mulleres, potenciando tamén as zonas verdes do Gaiás como lugar de creación e exhibición.

Francisco Leiro

Francisco Leiro (Cambados, Pontevedra, 1957) é un dos escultores e artistas plásticos galegos en activo con maior proxección no panorama internacional, cunha actividade profesional que se desenvolveu durante décadas entre New York, Madrid e Cambados.

Leiro ten realizado unha importante produción escultórica de carácter monumental en espazos públicos e/ou exteriores, entre as que destacan obras tan icónicas como a figura do animal fantástico coñecida como Sireno na Porta do Sol da cidade de Vigo. Foi recoñecido con premios e condecoracións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia no 2000 ou Premio das Artes na IIª Edición Galegos do Mundo no ano 2003.

A súa obra está presente en destacadas coleccións de museos, institucións públicas e privadas galegas, nacionais e internacionais, como o Akron Art Museum (Ohio, Estados Unidos), o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, o Museo Marugame Hirai (Kagawe, O Xapón), o Stedelijk Museum (Ámsterdam, Holanda), ou, en Galicia, o Auditorio de Galicia, o Centro Galego de Arte Contemporánea, ou as coleccións de Abanca e Afundación.