A ‘Galicia futura’, imaxinada por artistas e científicos, chega a Lugo

Galicia futura, en Lugo. Fotos: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 24 de Febreiro de 2022

A Xunta de Galicia e Afundación inauguraron esta mañá en Lugo a primeira das itinerancias da mostra Galicia futura. Todo o que imos ser, enmarcada na programación do Xacobeo 21-22. A exposición, artellada como un diálogo entre arte, ciencia, tecnoloxía e creatividade, chega á capital luguesa tras ser visitada por preto de 36.000 persoas durante a súa estancia na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou que Galicia futura "é máis cá un proxecto expositivo: propúxose transcender as paredes das salas de exhibición, impulsando procesos creativos propios e converténdose nun elemento xerador de actividade no sector cultural en Galicia". Aludía así ás diferentes pezas que foron creadas especificamente para este proxecto por unha vintena de destacados artistas das nosas artes plásticas, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música galega, entre as que atopamos desde a Oliver Laxe e Marta Pazos, á poeta Estíbaliz Espinosa, ou os artistas plásticos Rubén Ramos Balsa ou Vítor Mejuto.

O acto de inauguración da mostra contou tamén coa presenza da coordinadora de Cultura de Afundación, M. Teresa Cores; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez, e os comisarios da exposición, os divulgadores Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembrou que se trata da primeira vez que a Cidade da Cultura leva unha exposición á capital lucense e que o percorrido que hoxe inicia por diferentes cidades galegas "enmárcase nos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, cun plan de itinerancias que só en 2022 achegará diferentes exposicións do Gaiás a unha decena de vilas e cidades galegas, ademais de París e Madrid". No caso de Galicia futura, tras a súa estancia en Lugo, viaxará á sede de Afundación en Vigo –en maio e xuño– e ao Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense –en xullo e agosto–.

Pola súa banda, a coordinadora de Cultura de Afundación, M. Teresa Cores, salientou que inaugurar na sala de exposicións de Afundación, Galicia futura, "supón un paso máis nun vieiro de colaboración aberto entre dúas entidades, a Xunta de Galicia e Afundación Obra Social Abanca, que compartimos o obxectivo da promoción e da divulgación cultural no noso país e que somos conscientes da obriga que temos de optimizar os recursos dos que dispoñemos, para tentar chegar cos nosos proxectos ao maior número de persoas e de localidades e acadar, con iso, un meirande acceso ao coñecemento".

Un futuro desexado e posible

Galicia futura tenta imaxinar a Galicia do mañá a partir dunha escolma de fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa Comunidade en diferentes campos, desde as artes, á biomedicina, pasando pola enxeñaría ou o deseño, partindo do traballo que están a desenvolver profesionais e grupos de vangarda.

Un dos puntos destacados da exposición é a serie de obras realizadas en exclusiva para a mostra por distintos creadores e creadoras galegas. Entre elas atópanse a peza audiovisual exclusiva que comparte título coa propia mostra, rodada por Oliver Laxe nos Ancares, ou o Campo de figos co que a dramaturga Marta Pazos sorprende ás persoas visitantes cunha instalación envolvente na que reflexiona sobre feminismo, futuro e identidade. A arte hipertecnolóxica do creador galego afincado en Singapur Rubén Ramos Balsa é outra das protagonistas da mostra, coa obra Travesía, inspirada na paisaxe galega e no Camiño de Santiago.

O diálogo entre diferentes disciplinas artísticas é tamén nexo común a varias das pezas creadas para esta exposición, entre as que poderemos atopar desde un espazo que mestura vídeo, fotografía e pintura –con tres destacados creadores galegos como son o cineasta Juan Lesta, o fotógrafo Damián Ucieda e o artista plástico Vítor Mejuto– ou unha peza audiovisual que reúne o talento da poeta Estíbaliz Espinosa, a realizadora Lucía Estévez e o físico Carlos Salgado na creación dunha abraiante obra capaz de entretecer a exploración do cosmos coa pintura de Maruja Mallo.

A mostra poderá ser visitada ata o 23 de abril, de luns a sábados de 17,30 a 20,30 horas e con acceso de balde.

Comisariado e comité asesor

Deborah García Bello (A Coruña, 1984), @deborahciencia, é química e divulgadora científica. Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de formación e transferencia científica de L'Oréal. Traballa tamén como divulgadora en diversos programas de televisión e radio a nivel autonómico e nacional.

Miguel Angel Cajigal Vera (A Coruña, 1981), @elbarroquista, é historiador da arte e divulgador cultural. Forma parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e dirixe o Máster en Educación en Museos e Espazos Culturais da Universidad Miguel de Cervantes. É membro do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e do Consello Internacional de Museos (ICOM) e colabora como divulgador con diversos medios de comunicación galegos e estatais.

O proxecto expositivo conta ademais cun amplo comité de colaboradores, conformado por 19 persoas entre as que se atopan algúns dos artistas e científicos con máis talento de Galicia, desde a catedrática en telecomunicación Edita de Lorenzo, a cantante e compositora Wöyza, a chef distinguida cunha Estrela Michelin Lucía Freitas, o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Carlos Salgado, ou a deseñadora Nuria Carballo, entre outros.

Case 36.000 visitantes en Compostela

Durante os case seis meses que puido visitarse no Museo Centro Gaiás, en Santiago de Compostela, a mostra recibiu 35.862 visitantes (cunha media diaria de 242 visitas). Tamén desenvolveu un programa de visitas didácticas, ben presenciais, ben en liña, destinadas aos centros de ensino de todos os niveis educativos. Entre setembro e decembro, 1.252 alumnos achegáronse á exposición a través deste programa didáctico, 902 de xeito presencial e 350 a través das visitas por videoconferencia. Precisamente Galicia futura foi a mostra que supuxo o regreso da oferta de visitas didácticas presenciais ao Museo Centro Gaiás, que se vira suspendida pola pandemia.

 
Galicia futura, en Lugo. Fotos: Manuel G. Vicente
Galicia futura, en Lugo. Fotos: Manuel G. Vicente
Galicia futura, en Lugo. Fotos: Manuel G. Vicente
Galicia futura, en Lugo. Fotos: Manuel G. Vicente
Galicia futura, en Lugo. Fotos: Manuel G. Vicente
Galicia futura, en Lugo. Fotos: Manuel G. Vicente