Francisco Leiro realizará unha intervención artística sobre o Camiño para o Bosque de Galicia

Santiago de Compostela, 29 de Maio de 2021

O escultor Francisco Leiro, un dos artistas plásticos galegos en activo con maior proxección no panorama internacional, realizará unha intervención artística sobre o Camiño de Santiago que se situará no Bosque de Galicia –na aba do Monte Gaiás que se abre sobre a cidade de Compostela– establecendo así un diálogo coa Cidade da Cultura e a Vía da Prata, que discorre paralela ao complexo na súa entrada á capital de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañou a Francisco Leiro nunha visita aos espazos que acollerán este proxecto escultórico, enmarcado no Xacobeo 21-22. Con esta proposta, procúrase unha intervención artística contemporánea e universal, que se traduza nunha obra producida con materiais perdurables e cunha concepción formal conectada coa contorna natural na que se situará, co Camiño de Santiago como marco contextual. O proxecto instalarase nos vindeiros meses e aspira a converterse nunha obra de referencia e obrigada visita turística, contribuíndo a consolidar o atractivo natural e de lecer que xa posúe o Bosque de Galicia, con árbores e vexetación autóctona, sendeiros de paseo e icónicas vistas sobre a capital de Galicia.

A escultura de Francisco Leiro sumarase así á serie de intervencións artísticas e paisaxísticas que a Xunta de Galicia está a promover nos espazos exteriores da Cidade da Cultura, directamente ligadas co feito xacobeo e con Compostela como destino internacional da peregrinación. Entre elas, as persoas visitantes poden atopar xa a obra Espellos, do escultor Manolo Paz; Constelacións II, de Clara Montoya –coñecido tamén como o banco do peregrino; ou a pirámide de metal de Alicia Framis titulada Deixa aquí os teus medos na contorna do Xardín Literario. As intervencións complétanse anualmente coas intervencións efémeras do ciclo Reb/veladas na paisaxe, que leva tres edicións pondo en valor as creacións contemporáneas realizadas por mulleres, potenciando tamén as zonas verdes do Gaiás como lugar de creación e exhibición.

Francisco Leiro

Francisco Leiro (Cambados, Pontevedra, 1957) é un dos escultores e artistas plásticos galegos en activo con maior proxección no panorama internacional, cunha actividade profesional que se desenvolveu durante décadas entre New York, Madrid e Cambados. Ten sido cualificado pola crítica da arte como o mellor artista galego contemporáneo e é un dos creadores de Galicia máis destacados de todos os tempos, cunha produción plástica inconfundible, destacando por deixar testemuña a través da súa obra de acontecementos que nos marcaron como sociedade –desde o desastre ecolóxico do Prestige, a sucesos internacionais como a guerra de Siria ou o atentando ás Torres Xemelgas–.

Cursou estudos na Escola de Artes Aplicadas de Santiago de Compostela e na Escuela de Bellas Artes de Madrid, entrando a formar parte, antes de cumprir os 30 anos, da nómina de artistas da prestixiosa Galería Malbourough, referente internacional da arte contemporánea. Foi membro do grupo Foga, de inspiración surrealista, e na década dos 80 viaxou por Grecia e México para estudar a escultura arcaica.

Leiro ten realizado unha importante produción escultórica de carácter monumental en espazos públicos e/ou exteriores, entre as que destacan obras tan icónicas como a figura do animal fantástico coñecida como Sireno na Porta do Sol da cidade de Vigo. Foi recoñecido con premios e condecoracións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia no 2000 ou Premio das Artes na IIª Edición Galegos do Mundo no ano 2003.

A súa obra está presente en destacadas coleccións de museos, institucións públicas e privadas galegas, nacionais e internacionais, como o Akron Art Museum (Ohio, Estados Unidos), o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, o Museo Marugame Hirai (Kagawe, O Xapón), o Stedelijk Museum (Ámsterdam, Holanda), ou, en Galicia, o Auditorio de Galicia, o CGAC, ou as coleccións de Abanca e Afundación.