Festexo das Letras Galegas no Gaiás con lectura compartida da obra de Antonio Fraguas e visitas especiais a 'Pensar coas mans'

Santiago de Compostela, 17 de Maio de 2019

A Cidade da Cultura de Galicia está este 17 de maio a  celebrar o Día das Letras Galegas cunha lectura participativa e polas redes sociais de obras do homenaxeado neste 2019, Antonio Fraguas (Cerdedo, 1905 –Santiago de Compostela, 1999). Parte das importantes achegas e achados deste investigador e divulgador da cultura popular galega están a ser lidas -e emitidas en liña- por aqueles visitantes que están esa xornada no Museo Centro Gaiás, no que precisamente se realizarán, a partir das 12 horas, visitas comentadas, e de balde, á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. Están especializadas nas pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego (MPG), institución da que foi director e tamén presidente do padroado.

As lecturas en rede están escollidas por Clodio González Pérez, etnógrafo, historiador, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e persoa vencellada ao MPG e de ampla traxectoria humanista no sector cultural. Ademais de no Museo Centro Gaiás, estase a convidar os visitantes que están por diferentes espazos da Cidade da Cultura -os arquitectónicos e tamén as áreas verdes e naturais como o Xardín Literario e o novo Xardín do Teatro- a participar deste xeito tan activo na homenaxe que as Letras Galegas lles fan a este valedor da cultura popular galega.

Ao igual que se fixo o pasado ano con escritos de María Victoria Moreno, as lecturas de traballos de Antonio Fraguas son emitidas en liña polas diferentes redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook, Twitter e Instagram) como un xeito de espallar as achegas e descubertas do homenaxeado coas Letras Galegas a calquera recuncho do planeta. Unha vez rematado o 17 de maio, editarase un vídeo con todos os fragmentos, que quedará para o recordo desta conmemoración na páxina web www.cidadedacultura.gal.

 

Actividades da Biblioteca de Galicia

Á celebración do Día das Letras Galegas da Cidade da Cultura tamén se suma a Biblioteca de Galicia, que conta cunha exposición bibliográfica, exclusivamente dedicada a Antonio Fraguas. Está composta por obras escritas polo investigador e tamén por aquelas que participou como articulista ou prologuista.

Ademais, e ideada como actividade para público familiar, a Biblioteca de Galicia realizará o 25 de maio un obradoiro lúdico -de balde, con necesidade de inscrición en www.cidadedacultura.gal- no que os e as participantes xogarán a construír e deconstruír un carro tradicional feito a escala.

Antonio Fraguas

Antonio Fraguas destacou como investigador nos campos da historia, da etnografía e do folclore, entre outros eidos. O seu traballo está recollido en numerosas publicacións, fundamentalmente como colaboración en revistas ou obras colectivas. Ademais, tamén publicou un considerable número de monografías, como Geografía de Galicia (1953) Historia del Colegio de Fonseca (1956). Tese de doutoramentoAportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985), Romarías e santuarios(1988), Do Entroido (1994) ou A festa popular en Galicia (1995).