Feijóo destaca na inauguración de Galicia Futura a capacidade dos galegos para evolucionar e sintetizar tradición e progreso

Fotos: Óscar Corral
Santiago de Compostela, 14 de Xullo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na inauguración da mostra Galicia Futura a capacidade dos galegos para evolucionar a través do cambio tranquilo, capaz de sintetizar tradición e progreso.

“Evolucionamos constantemente. Cada día, cada momento, a sociedade, a cultura, a economía galegas transfórmanse e fano sen convulsións nin rupturas”, dixo, incidindo en que as transformacións máis fondas na esencia dunha comunidade son aquelas que involucran a todos os homes e mulleres que a compoñen, buscando nexos de unión entre eles.

Nesta mesma liña, afirmou que se a historia de Galicia é a historia dun cambio exitoso, débese a esa capacidade para acompasar a evolución de cada un dos galegos coa evolución do país no seu conxunto. “Cambia Galicia porque cambiamos cada un dos galegos. E cambiamos cada un dos galegos porque Galicia nos impulsa”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que esta ensinanza despréndese tamén das dúas exposición que iniciaron a triloxía que culmina con Galicia Futura: “Galicia, un relato no mundo preséntanos un pobo palpitante. E dentro dese pobo xorde unha xeración excepcional de creadores en plena sintonía coas correntes culturais de entón e que lembramos na mostra Galicia, de Nós a nós”, recordou, subliñando que é esa irmandade entre progreso e tradición a que cimenta o mellor do noso pasado.

“E con esa mesma fórmula podemos artellar o futuro”, engadiu, facendo fincapé en que a exposición que se inaugura hoxe “é unha resposta galega a unha inquedanza universal que se resume na dúbida de se os pobos antigos poden sobrevivir aos tempos modernos, sen traizoarse a si mesmo”.

Sobre este punto, Feijóo referiuse ao Camiño de Santiago como o símbolo perfecto da simbiose entre pasado e futuro, entre modernidade e tradición. “O Xacobeo é unha parte do pasado que se interna no futuro”, dixo, asegurando que se ben o futuro non está escrito, entre os escritores estará Galicia coa súa propia caligrafía.

O presidente da Xunta concluíu agradecendo e recoñecendo o traballo dos comisarios da exposición, Deborah García Bello e Miguel Ángel Cajigal, “que trataron de construír o camiño cara á Galicia futura”; así como de todos os “galegos e galegas brillantes” de disciplinas diversas que participaron nela para trasladarnos a súa forma de albiscar o que seremos.

 
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral