Estrea no Gaiás de ‘Arte sen guión’ unha comedia de especulación sobre o teatro na Galicia medieval

Santiago de Compostela, 18 de Marzo de 2022

O ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta, arrinca mañá sábado 19 de marzo coa estrea de Arte sen guión, unha comedia que intenta responder desde a creación contemporánea a un misterio por resolver: existiu o teatro en galego na Idade Media? A compañía Galeatro válese das técnicas da improvisación e da música para construír unha peza cargada de humor na que o antigo e o moderno batallan e dialogan entre si.

A obra, primeira produción de Galeatro dirixida ao público adulto, forma o volume catro de Clásicas desfeitas, iniciativa que aposta por crear espectáculos anovadores e actuais a partir de textos clásicos da literatura no marco do programa de Residencias Artísticas do Gaiás

Arte sen guión terá dúas representacións esta fin de semana, o sábado 19 ás 18,00 horas e o domingo 20 de marzo ás 12,00 horas, e empregará como táboas os espazos naturais e arquitectónicos da Cidade da Cultura. As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás. 

Unha viaxe no tempo en clave de humor

Na súa proposta, Galeatro investiga as cantigas e textos da literatura galega previos ao Rexurdimento, así como as estruturas da dramática clásica, para facer viaxar ao público ata unha posible función de teatro galego medieval, un xénero sobre o que crítica e academia discuten aínda hoxe, ao non conservarse rexistros escritos da súa existencia.

O actor e creador Miguel Canalejo, coñecido polos seus papeis nas series Método criminal, Cuéntame cómo pasó ou Serramoura, dirixe e actúa nesta divertida peza na que a improvisación marca o ritmo, facendo de cada función un espectáculo diferente. Canda el estarán tamén no escenario Cris Iglesias —Fariña, Eroski Paraíso—, e os fundadores de Galeatro, Alba Bermúdez e Tone Martínez. O músico Nacho Martín, integrante do trío coruñés True Mountains e compositor con experiencia en espectáculos teatrais, é o responsable do espazo sonoro, mentres a deseñadora arxentina afincada en Galicia Anahí Taraburelli creou o colorido vestiario da peza.

Clásicas desfeitas continúa os días 25 e 26 de marzo co volume cinco do ciclo, A barca do inferno, un innovador espectáculo de teatro na auga creado por Moving Compass que empregará como escenario a lagoa do Xardín Literario do Gaiás. A peza inspírase no Auto da barca do portugués Gil Vicente para trasladar os temas morais do clásico renacentista ás preocupacións contemporáneas pola preservación dos recursos naturais e da paisaxe.