Escritoras/es noveis comparten na Residencia Literaria do Gaiás inquedanzas e experiencias creativas con Sara Mesa, Berta Dávila e Javier Peña

Santiago de Compostela, 07 de Xullo de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia está a celebrar estes días a Residencia Literaria das REGA (Residencias Literaria do Gaiás) que conta coa participación de dez escritores e escritoras noveis, que están a intercambiar inquedanzas, experiencias e coñecementos creativos coa oportunidade de compartilas con grandes figuras do panorama literario actual, como son Sara Mesa e Berta Dávila.

Dirixida polo escritor Javier Peña, nesta primeira edición da Residencia Literaria das REGA están a participar Arancha Rodríguez Fernández, Cynthia Menéndez, Estela Gómez Gómez, Francisco Javier Fernández Davila, Jesús Castro Yáñez, María Alicia Fernández Rodríguez, María Gil Martínez, María López Quiroga, Santiago Araújo Fernández e Sara Vázquez Fariña. En total, 10 autores e autoras galegas emerxentes que foron seleccionadas entre preto dun cento de candidaturas presentadas.

Esta edición 2021 abriuse a persoas nadas ou residentes en Galicia que nesta estadía das REGA están a desenvolver ou mellorar un proxecto inédito de narrativa, tanto novela de ficción como de non ficción (autoficción) ou coleccións de relatos, e que poden estar xa completados e aínda non publicados ou que se atopan en proceso de desenvolvemento.

Deste xeito, o que se procura nestas dúas semanas de convivencia é que resolvan dúbidas e desacougos e tamén intercambien pareceres ao redor da literatura e non só nos encontros no complexo da Cidade da Cultura, senón tamén en xornadas máis distendidas, pero vencelladas coa literatura, como a visita a Casa Museo de Rosalía de Castro, onte martes, ou a Fundación Camilo José Cela, o vindeiro 12 de xullo.

Figuras do panorama literario

A Residencia Literaria Cidade da Cultura conta coa participación de dúas destacadas autoras do panorama literario recente, tanto en Galicia como en España. Por unha banda, o vindeiro 14 de xullo estará con estes autores e autoras emerxentes a escritora Sara Mesa, considerada unha das máis importantes da súa xeración. A  súa última novela Un amor (Anagrama, 2020) foi recoñecida como a mellor do 2020 por medios como El País, El Mundo ou La Vanguardia. Antes, chegaran xa as novelas Cara de pan (Anagrama, 2018); Cicatriz (Anagrama, 2015) –que se colocou tamén entre as mellores novelas do ano e lle valeu o Premio El Ojo Crítico de Narrativa–; Cuatro por cuatro (Anagrama, 2012), coa que foi finalista do Premio Herralde de Novela; ou Un incendio invisible (editada no 2011 pola Fundación José Manuel Lara e reeditada en 2017 por Anagrama).

No que respecta á literatura galega actual, cóntase mañá xoves coa participación nesta residencia dunha das súas voces imprescindibles, Berta  Dávila, quen ten conquistado público e crítica coas súas novelas. Carrusel (Galaxia, 2019; Barrett, 2021) recibiu os premios Manuel García Barros de novela e o premio da Crítica española en lingua galega; Illa Decepción (Galaxia, 2020) valeulle o Premio de Narrativa Breve Repsol; mentres que O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia 2013), que conta cunha adaptación en banda deseñada, acadou o premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción e o premio Narrativa Breve Repsol.

Este esta estadía literaria das REGA está dirixida por Javier Peña, escritor, xornalista e profesor de escritura creativa, que se deu a coñecer coa súa novela de debut, Infelices (Blackie Books, 2019), que foi elixida entre as mellores novelas do ano por xornalistas e críticos de medios de comunicación como a Cadena SER, RNE, La Voz de Galicia ou Zenda. Creador e coordinador das dúas edicións do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que se celebraron en 2019 e 2020, tamén deseñou o Taller de Novela Casa Blackie, que imparte en liña e celebra na actualidade a súa quinta edición.

Programa REGA

A Residencia Literaria enmárcase no programa REGA (Residencias artísticas do Gaiás), lanzado este 2021 e co que a Cidade da Cultura pon os seus espazos, recursos e equipos técnicos ao servizo de creadores e creadoras de dentro e fóra da nosa comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais.

Trátase de creacións vencelladas coa música, coa escena, coa danza, coas artes performativas e audiovisuais e coa literatura, que se desenvolven grazas á colaboración con institucións e colectivos culturais, e que contribúan a consolidar a Cidade da Cultura como viveiro cultural creativo.