'Escenas do cambio' ergue mañá o pano amosando a reactivación da programación cultural de Galicia

Santiago de Compostela, 19 de Maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe os ensaios dos artistas e compañías participantes na sétima edición de Escenas do cambio, o festival de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia que se desenvolve, a partir de mañá e ata o domingo día 23, na Cidade da Cultura. Fíxoo xunto a súa nova directora, Lola Correa.

O responsable de Cultura da Xunta de Galicia salientou que a inauguración deste certame supón “un paso significativo na reactivación da programación cultural de Galicia” e fixo un chamamento para apostar por ela “como un motor de impulso que nos permita continuar poñendo en valor o talento dos creadores galegos”.

“A cultura foi fundamental no confinamento, nos momentos de máis incerteza de pandemia, abrindo fiestras desde a que evadirnos. Agora debemos reforzar a programación a todos os niveis, facéndoa presente no día a día dos galegos, para ir deixando atrás o peor da pandemia”, declarou o conselleiro, que ratificou o compromiso da Xunta co desenvolvemento de actividades seguras que apoien aos profesionais do sector e ofrezan “esperanza, optimismo e lecer” á cidadanía.

O conselleiro tivo tamén oportunidade de conversar co actor galego Diego Anido, creador e actor de O deus do pop, unha das once pezas provenientes de cinco países (España, Portugal, Francia, O Xapón e O Reino Unido) que van poder verse desde mañá ata o domingo en Escenas do Cambio 2021. A este respecto, Román Rodríguez afirmou que estes catro días lle darán ao público a posibilidade de coñecer obras “que nunca antes se presentaran en Galicia, en total 10 das 11 propostas”.

Seis das mellores bailarinas galegas, Matarile Teatro e Diego Anido

Neste senso, apuntou que, ademais da participación de Diego Anido –artista multidisciplinar que frecuentemente forma parte do elenco artístico da premiada compañía galega Voadora– tamén estará no cartel desta edición Matarile Teatro, que ten pechada unha colaboración co Centro Dramático Nacional; e seis das mellores bailarinas galegas Nuria Sotelo, Begoña Cuquejo, Kirenia Martínez, Clara Ferrão, María Roja e Paula Quintas cun espectáculo de danza, Escenas en danza, creado ex profeso para a Cidade da Cultura.

O conselleiro de Cultura tamén destacou o feito de que este espectáculo non é o único creado para Escenas do cambio, xa que o festival tamén acollerá a estrea absoluta da nova performance da madrileña Ana Matey. Esta sétima edición consolida a aposta do festival pola danza e tamén polas creadoras e artistas mulleres, tal e como demostra non só a programación, senón a súa nova dirección, a cargo da viguesa Lola Correa.

De igual xeito, rematou a súa intervención facendo fincapé na oportunidade que dá o certame de ver por vez primeira en España obras de artistas internacionais, como son a do bailarín xaponés Hiroaki Umeda con Intensional Particle e a do dramaturgo portugués Miguel Moreira, Romeo e Julieta, a partir de Prokofiev

Programa multidisciplinar, internacional e anovador

Completarán este programa, propostas multidisciplinares como un obradoiro poético de escribir poemas en mistos, impartido por Julio Fer na Fundación Eugenio Granell ou un paseo polas rúas de Compostela xunto a Robert Walser, nunha peza de Esteban Feune de Colombi e Marc Caellas, creador este último que repite no certame con Suicide notes.

Estas obras amosan a expansión, unha edición máis, da programación de Escenas do cambio desde o complexo Gaiás ao centro de Santiago, ao que se lle suma a representación no Salón Teatro da peza portuguesa Antes, de Teatro Praga, unha orixinal e hilarante proposta que xunta un psicoanalista e un dinosaurio.

A representación internacional tamén inclúe a Francia con El cómo quieres, de Toujours après minuit, unha compañía creada por Brigitte Seth e Roser Montlló Guberna, que son á vez directoras e intérpretes: e do Reino Unido, Psychodrama, a primeira peza colaborativa creada e interpretada polo escritor, actor e músico canadense Christopher Brett Bailey e a compañía de escena experimental Sleepwalk Collective.

Presenza de programadores nacionais

O festival contará nesta edición coa presenza de programadores culturais nacionais, como Borja Sitjá, director do teatro d l’Archipel de Perpignan (Francia); Angels Queralt, directora de Dos Orillas Cultura e programadora en Francia e España; e Margarida Troguet, comisaria independente de artes ao vivo do Consell Nacional de la Cultura i de les Arts (CoNCA) e ex directora do teatre L’Escoixador de Lleida. A súa asistencia obedece ao interese en coñecer as propostas polas que aposta Escenas do cambio nesta nova edición, senón tamén por descubrir de primeira man o que se está a facer na vangarda escénica galega.

Colaboracións

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2021 conta con entidades colaboradoras galegas como o Centro Dramático Galego, a Secretaría Xeral de Igualdade, o Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell, dentro da liña de estender a programación máis aló do Gaiás. Ademais, de fóra de Galicia colaboran o INAEM, o Institut Français, o Institut Ramón Llul e o Instituto Camões.

Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2021 está dispoñible na páxina da Cidade da Cultura de Galicia (www.cidadedacultura.gal) e tamén na do festival (www.escenasdocambio.org).