Escenas do cambio 2021 reprográmase a maio

Santiago de Compostela, 08 de Febreiro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia levará ao vindeiro mes de maio a celebración do festival Escenas do cambio, previsto do 18 ao 21 de febreiro, debido ás limitacións sanitarias que afectan á organización dun evento internacional no que participan artistas e compañías procedentes de cinco países.
Co obxecto de garantir que o festival poida celebrarse con todas as garantías de seguridade e nas mellores condicións para artistas e público, trabállase estreitamente coas compañías e artistas (procedentes de España, Portugal, Francia, Reino Unido e Xapón) co obxecto de consensuar as datas máis axeitadas para esta sétima edición no vindeiro mes de maio.

A Cidade da Cultura agradece a colaboración e comprensión amosada por parte das e dos creadores participantes en Escenas do cambio 2021 e fai extensible este agradecemento ás institucións colaboradoras do certame: o Concello de Santiago, a Fundación Eugenio Granell, o INAEM, o Instituto Camões, o Institut français e o Institut Ramón Llul.

As datas concretas para celebración do festival, así como o día no que as entradas sairán a venda, comunicaranse tan pronto como a organización, as compañías e os artistas consensúen o calendario que se axeite as condicións óptimas para a celebración tanto desde o punto de vista sanitario como tendo en conta os compromisos xa establecidos para outras xiras e obras.

A Xunta de Galicia subliña o seu compromiso cun festival que cumpre a súa sétima edición e que, neste ano, estrea dirección dan man de Lola Correa, un certame que se ten consolidado como unha cita de referencia para a creación contemporánea no mundo das artes escénicas.