Derradeira fin de semana da exposición 'Cinema e emocións' no Museo Gaiás

Santiago de Compostela, 08 de Xaneiro de 2021

A mostra Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia encara a súa derradeira fin de semana no Museo Centro Gaiás superando os 21.000 visitantes desde a súa apertura o pasado mes de xullo. Organizada por La Cinémathèque française e a Fundación ”la Caixa”, en colaboración coa Xunta de Galicia e no marco do Xacobeo 2021, a exposición aínda pode verse ata o domingo na Cidade da Cultura e convida a un percorrido a través dun século de historia do cinema, coa ollada da cativada como fío condutor.

Cinema e emocións propón unha reflexión sobre o papel fundamental da infancia na creación de relatos e personaxes no cine, así como sobre a influencia que ten a sétima arte no desenvolvemento persoal durante a nenez. Nesta viaxe por filmes de diferentes épocas, xéneros e contextos xeográficos, pódense contemplar desde proxeccións e fotografías de rodaxe, a carteis ou obxectos senlleiros tan icónicos como a vasoira de Harry Potter ou unha reprodución da personaxe de King Kong de máis de dous metros de altura.

Nestes case seis meses na Cidade da Cultura, a exposición contou cun programa de visitas comentadas gratuítas especialmente adaptado ao contexto sanitario da covid-19 –con reserva previa e capacidade moi reducida– no que participaron máis de 600 persoas. No marco da mostra organizouse tamén o ciclo familiar Domingos de Cinema e emocións, que converteu o Museo nun efémero cinema de outono para proxectar os filmes Inside out, Le Havre, Ma vie de courgette e Persépolis, fitas que forman parte do amplo percorrido cinematógrafico da exposición.

Un plan familiar e cinéfilo

A mostra permite contemplar máis de 230 pezas procedentes das coleccións de La Cinémathèque française, consideradas das mellores do mundo no ámbito cinematográfico, así como dos fondos persoais de cineastas e coleccionistas. Propón unha viaxe a través da ollada dos nenos e nenas nos filmes, con películas de diferentes xéneros e medios creativos –animación, ficción, documental…– que datan desde as orixes do cinema ata os nosos días e proveñen de distintas latitudes. Con esta proposta, o Gaiás ofrece un plan en familia no que a cativada pode descubrir a maxia do cine, e as persoas adultas revivir os filmes que marcaron a súa propia infancia.

Antes do seu paso pola Cidade da Cultura, a mostra expúxose con grande éxito en La Cinémathèque française no ano 2017, e itinerou posteriormente nos centros CaixaForum de Sevilla, Zaragoza, Girona, Lleida, Tarragona e Málaga.

Ademais de Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia, o Museo Centro Gaiás acolle agora mesmo outras dúas exposicións: As miradas de Isaac –homenaxe e recoñecemento a unha figura irrepetible da cultura galega como foi Díaz Pardo– e Galicia, de Nós a nós –a mostra máis ambiciosa sobre a Xeración e revista Nós, organizada pola Xunta de Galicia no seu centenario e que poderá visitarse no Gaiás ata o 17 de xaneiro–. As tres poden visitarse libremente e de balde, sendo só necesaria inscrición previa para as visitas guiadas.