Convocatoria para incorporar iniciativas culturais, sociais e tecnolóxicas no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 03 de Outubro de 2022

A Xunta de Galicia lanza unha convocatoria para o aloxamento de proxectos e empresas culturais, sociais e tecnolóxicas no Centro de Emprendemento (CEM) da Cidade da Cultura. Poderán concorrer á mesma iniciativas emprendedoras e profesionais das industrias culturais e tecnolóxicas, así como entidades sen fins lucrativos, que busquen un espazo dinámico e creativo no que desenvolverse.

En total, ofértanse 36 prazas distribuídas entre o Viveiro Gaiás, que ofrece 20 espazos independentes e modulares adaptables ás necesidades das empresas, e o Espazo de Cotraballo do Centro de Emprendemento, que conta con 16 postos de traballo individuais nunha contorna colaborativa. Todas elas dispoñen de mobiliario, conexión á rede, salas de reunións privadas, un espazo de formación, caixas de correo para a correspondencia postal e unha zona común de descanso.

Ademais, as entidades aloxadas no CEM, e especialmente aquelas iniciativas emprendedoras en fase de inicio ou consolidación, beneficiaranse dun completo programa de formación e acompañamento deseñado para dar pulo á súa actividade. Este servizo inclúe titoría, asesoramento financeiro e no desenvolvemento de modelos de negocio, participación en eventos de networking e showrooms adaptados ás súas necesidades.

As solicitudes poderán presentarse durante todo o mes de outubro, preferentemente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As bases reguladoras da convocatoria e o procedemento poden consultarse na web da Cidade da Cultura.

Creación de sinerxías

Con esta nova chamada á integración de iniciativas e proxectos culturais no Gaiás, o Goberno galego busca impulsar o desenvolvemento de proxectos dinamizadores do sistema cultural galego no seu conxunto, aproveitando a oportunidade de crear sinerxías e eixes de actuación comúns entre a Fundación Cidade da Cultura e aquelas entidades e institucións vinculadas á promoción das industrias culturais, ao emprendemento creativo, ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación.

Neste sentido, valorarase nas solicitudes a capacidade de adecuación e implicación dos proxectos cos obxectivos e liñas de traballo da Cidade da Cultura, recollidos no II Plan Estratéxico 2021-2027. Tamén se terán en conta aspectos como o seu carácter innovador, cultural e tecnolóxico, a capacidade das entidades para favorecer a implicación de persoas diversas, especialmente aquelas en situación de vulnerabilidade, a súa contribución á creación de emprego ou número de beneficiarios potenciais e a súa viabilidade económico-financeira.

A cesión de espazos no Centro de Emprendemento terá unha duración inicial dun ano, prorrogable automaticamente por períodos similares, ata un máximo de tres, previa conformidade da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.