A Consellería de Cultura e Educación anuncia que o Gaiás será o primeiro centro da Península Ibérica en exhibir a ‘Colección Orinoco’ da Fundación Cisneros

Santiago de Compostela, 13 de Marzo de 2013

Esta exposición será integramente patrocinada pola Fundación Gaiás, sen custo, polo tanto, para a Xunta de Galicia. 'Orinoco. Viaxe a un mundo perdido’ é unha das mostras de arte etnográfico latinoamericano máis importantes do mundo.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, anunciou esta mañá o acordo coa Fundación Cisneros para que o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura sexa o primeiro centro de España e Portugal en exhibir, sen custe algún para a Xunta, a prestixiosa Colección Orinoco, unha das mostras máis importantes do mundo de arte etnográfica latinoamericana.

Despois de viaxar durante trece anos por algunhas das institucións culturais máis prestixiosas de Alemaña, Francia, Suíza, República Checa, Finlandia, Rusia, Dinamarca ou Eslovenia, a Colección Orinoco chegará por primeira vez á Península Ibérica a finais de maio e permanecerá no Museo Centro Gaiás ata xaneiro de 2014.

Esta exposición tamén incluirá unha pequena mostra etnográfica de Galicia, explicando a vida arredor dos ríos con pezas procedentes de institucións e museos da nosa Comunidade que mostrarán a tradición da pesca e a navegación. Deste xeito, a través desta sección sobre a tradición fluvial buscaranse os nexos entre Galicia e Latinoamérica, seguindo a liña de conexión con outras culturas, tal e como se fixo en Gallaecia Petrea con Portugal.

O conselleiro manifestou o seu “profundo agradecemento á Fundación Cisneros pola confianza nun museo que está a dar os seus primeiros pasos” e lembrou que a mecenas venezolana Patricia Phelps e o seu esposo, o empresario Gustavo A. Cisneros, visitaron a Cidade da Cultura o pasado mes de xaneiro, trasladándolle a súa admiración pola espectacular beleza do Museo e polas súas posibilidades como espazo para promover en España a cultura latinoamericana.

Xesús Vázquez estendeu o seu agradecemento aos patróns da Fundación privada Gaiás, que coas súas achegas financiarán integramente esta exposición, “permitindo que a Cidade da Cultura continúe a ofrecer proxectos culturais de prestixio internacional sen que supoñan un custo para a Xunta nun momento no que a prioridade é a xestión eficiente dos recursos públicos”.

O mundo perdido

A exposición, que levará por título Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, convidará a aventurarse nunha das rexións máis salvaxes, inaccesibles e máxicas do planeta para descubrir a vida e a cultura das doce etnias que habitan a conca do terceiro río máis caudaloso da terra, o mesmo que fascinou a escritores como Julio Verne, Arthur Conan Doyle e a científicos como Alexander Humboldt.

Segundo o conselleiro, “esta mostra é unha homenaxe á diversidade cultural e ambiental, unha oportunidade para abraiarse coa íntima convivencia coa natureza destas comunidades que, durante séculos, desenvolveron modos de vida baseados no principio de tomar da natureza o que dela precisan e devolverlle á natureza o que dela tomaron”. Vázquez Abad salientou ademais a mensaxe a prol da sustentabilidade que traslada a exposición e que, segundo adiantou, impregnará toda a organización da mostra, desde a reutilización de materiais que foron empregados en Gallaecia Petrea á escolla de papel coa certificación medioambiental FCS.

O Museo Centro Gaiás mostrará a Colección Orinoco completa, composta por máis de 1.500 pezas froito das exploracións da familia Cisneros, que desde a década dos setenta realizou numerosas incursións neste territorio, e das aportacións do etnógrafo Edgardo González Niño e do antropólogo belga Walter Coppens. Esta exposición inclúe dúas fermosas coleccións fotográficas con imaxes de González Niño e de Charles Brewer Carías. Ademais proxectaranse documentais e contará cunha sección multimedia a través da web www.orinoco.org, con importantes recursos didácticos.

Xesús Vázquez destacou que a exposición brinda unha magnífica oportunidade de achegarse á cultura Latinoamérica, e de xeito particular a un país cunha das comunidades de galegos máis numerosas, como é Venezuela.

Na súa comparecencia, Xesús Vázquez estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e pola responsable de Acción Cultural desta institución, María Pereira, aos quen felicitou polo seu traballo.

Exposición e eventos internacionais

O conselleiro anunciou esta exposición na presentación do Plan Marco do Museo Centro Gaiás 2013-2015, no que se adiantan as exposicións e principais eventos que acollerá este centro durante os próximos tres anos. O documento presentado hoxe enmárcase dentro do Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2012-2018, que consolida os usos e funcións dos edificios e dos espazos do Gaiás ata o ano 2018.

Co fin de maximizar o aproveitamento de todos os espazos do Museo Centro Gaiás, o conselleiro adiantou que este centro combinará a organización de exposicións de gran formato coa celebración de eventos culturais de proxección internacional que sirvan de apoio ás industrias culturais galegas e coa organización de espectáculos de artes escénicas, como un ciclo de música que será presentado proximamente.

Así, despois de Gallaecia Petrea, o Museo Centro Gaiás acollerá o festival internacional de musica Galician Connection, converténdose nun espazo para o intercambio cultural no que novas xeracións de músicos galegos convivirán con mestres da escena internacional.

A finais de maio será o momento da inauguración da exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, que permanecerá aberta ao público ata xaneiro 2014. A terceira grande exposición, prevista para 2014, explorará a relación de Galicia cun dos seus grandes recursos naturais e un elemento singularmente identificador da realidade natural galega: a auga doce.

Esta exposición abordará a relación da auga doce coa arte, a ciencia, a tecnoloxía e os sectores produtivos. Cunha importante colección de prestixiosas obras, a dimensión artística será especialmente significativa. Mais este ambicioso proxecto permitirá proxectar Galicia como unha potencia neste recurso vital, divulgando as súas capacidades en eidos como o termalismo, as empresas envasadoras ou os recursos enerxéticos.

En outubro de 2014 será a quenda do WOMEX, a feira de world music máis importante do mundo. Está previsto que este evento atraia máis de 2.500 profesionais do ámbito cultural, haberá varios escenarios con actuacións en vivo e prevese que este evento xere un retorno na economía local de 2 millóns de euros. E de cara ao ano 2015 esta previsto que se realice unha a exposición arredor do Camiño de Santiago.

‘Gallaecia Petrea’

Vázquez Abad tamén lembrou que o 31 de marzo rematará Gallaecia Petrea, e anunciou que durante a última semana desta mostra, coincidindo coa Semana Santa, o acceso a exposición será de balde, con fin de ofrecer unha última oportunidade a todos os que aínda non a visitaron e aos turistas que se achegarán a nosa Comunidade Autónoma nas vacacións.

Estabilidade, austeridade e internacionalización

O conselleiro de Cultura e Educación asegurou que a programación anunciada hoxe confirma que a Cidade da Cultura está a vivir “a súa etapa de maior estabilidade, cunha xestión de futuro deseñada segundo as prioridades do Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2012-2018, que baixo os principios de austeridade e optimización de recursos pretende ofrecer unha programación cultural diversa e de calidade”.

Neste senso, Vázquez Abad destacou que “a programación responde ao obxectivo de xestión eficiente dos recursos, como amosa o feito de que a primeira destas tres exposicións non vaia a ter custo para a Xunta de Galicia”, e avanzou que xa se está a traballar para a captación de novos patrocinios para as futuras exposicións.

Do mesmo xeito, o representante da Consellería fixo fincapé en que “a internacionalización e outras das grandes coordenadas nas que se insire esta programación, que busca a conexión con institucións de prestixio de todo o mundo e a proxección ao exterior dos nosos artistas e das nosas manifestación culturais”.

Máis noticias