Clausúrase o Encontro Internacional de Economía e Cultura apostando por estender a cultura como alicerce da innovación

Santiago de Compostela, 17 de Febreiro de 2012

Foron dúas xornadas nas que creadores, impulsores de industrias culturais e representantes de entidades empresariais vencelladas a propostas culturais se deron cita na Cidade da Cultura cun dobre obxectivo: por un lado estudar posibles formas de finanzamento e colaboración mútua; e por outro poñer en común inquedanzas, proxectos en marcha e novos contextos para posibles colaboracións.

Durante o xoves e a mañá do venres as palabras “innovación” e “aposta” estiveron presentes nas distintas exposicións de casos xa postos en marcha, na exposición de proxectos que están a nacer, e tamén noutros que agora buscan novos horizontes de expansión.
Dende a parte máis puramente económica, presentáronse casos prácticos nos que se levan a cabo distintas fórmulas de financiamento para proxectos culturais: dende o tradicional mecenado ata o patrocinio ou o crowdfunding, sen esquecer tamén as vellas fórmulas de colaboración cidadá para o apoio de proxectos culturais que teñen as súas orixes nas clásicas comisión de festas do mundo rural.

Recollendo o legado dunha cultura galega que se veu apoiando na colaboración e no intercambio de potenciais, o encontro afondou na necesidade de que a cultura entre no mundo empresarial para amosar as súas expresións, pero tamén como canle para mellorar o rendemento empresarial, como foi o caso práctico exposto pola directora de arte da empresa sueca Tilt. Pola outra banda, os creadores insistiron tamén, a través dun interesante debate, de que malia que é preciso que se dote dun valor económico á cultura e aos seus proxectos, como produto resultado dun traballo, existe tamén unha cultura que pervivirá sempre á marxe das políticas económicas e que xurde directamente dos propios creadores.

O encontro clausurouse tamén cunha mensaxe de optimismo sobre a supervivencia sempre dos proxectos culturais á marxe dos apoios oficiais que poidan variar a súa intensidade en función das conxeturas económicas e sociais do momento. A través da exposición audiovisual de distintos casos prácticos, transmitiuse a idea de que o único condicionante necesario para o crecemento de propostas culturais é a propia creatividade, a innovación en canto a novos espazos (tendo sempre como referente a rede como espazo sen límites) e a vontade de transformar a realidade a través da cultura.

Con frases como a pronunciada por Ana María Llopis, fundadora e conselleira delegada de Ideas4All, que afirmou que “cando hai unha multitude suficientemente diversa, a multitude é moito máis intelixente e creadora ca un grupo de expertos” podería resumirse o clima que enchoupou a clausura dese congreso.

A cita serviu tamén para o intercambio de contactos tanto de empresas de xestión cultural, creadores, administradores de proxectos culturais como de particulares interesados neste eido. Antes da clausura, e de realizar unha visita guiada polas instalación da Cidade da Cultura, celebrouse unha reunión de traballo na que se puxo en contacto un proxecto cultural (a Rede europea de mulleres do audiovisual) con entidades interesadas en escoitar as súas propostas e ofrecer incluso apoio para o seu desenvolvento futuro, como o IGAPE, a Facultade de Xornalismo, casas comerciais e patrocinadoras como GADISA ou o Festival de cine de Cans.

Previamente esta última xornada do encontro deu a coñecer iniciativas deseñadas dende a cultura para promover a eficiencia do aspecto social das empresas. Foi a través dos exemplos do CIB Bilbao –a rede de comercio da cidade vasca-, o proxecto madrileño Utopic_Us ou o Ideas4All promovido por Ana María Llopis.