O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, sumouse aos centos de familias que se achegaron ao Gaiás a gozar dunha nova edición de Cidade Imaxinaria, que inclúe este ano seis espectáculos e oito zonas de actividades. Unha oportunidade, resaltou, para “despedir as vacacións da cativada cunha ampla programación de circo, teatro, maxia e música que encadramos no CulturON, a nosa campaña estival”.
O titular de Cultura da Xunta de Galicia lembrou que Cidade Imaxinaria é unha das citas clásicas da oferta familiar do Gaiás, destacada por conxugar na súa programación a vertente lúdica coa artística, pedagóxica e didáctica. López Campos remarcou tamén que o evento aposta por poñer en valor o traballo das compañías, artistas, e distribuidoras do eido das artes escénicas, o circo ou o teatro de rúa, moitas delas galegas, “que amosan a calidade, creatividade e bo facer da nosa oferta cultural”.
Cada recuncho do Gaiás encheuse de fantasía durante esta tarde de sábado, desde as 16,00 horas ás 20,00 horas, da man de tres espectáculos fixos con varios pases, tres itinerantes e oito espazos de xogos e actividades nas que non faltan a escoliña de circo, os xogos tradicionais, a maxia e o ilusionismo, as acrobacias, o clown ou a música, todo sen deixar de lado temas de actualidade como a concienciación sobre o coidado do medio ambiente.
Precisamente, nesta edición da Cidade Imaxinaria os nenos e nenas participaron na creación dun mural colaborativo con temática medioambiental, realizado con pinturas fotocatalíticas que depuran o aire. A superficie a pintar durante este obradoiro, impartido por Vella Escola, equivale ao efecto depurativo que terían 15 árbores.




