A Cidade da Cultura presenta un 'Verán no Gaiás' con novas exposicións, un vintena de concertos, espectáculos familiares de gran formato e campamentos urbanos

Santiago de Compostela, 07 de Xuño de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, programa para este Verán no Gaiás medio cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, campamentos urbanos, grandes espectáculos familiares de circo, maxia e rock e novas exposicións para gozar da arte dentro e fóra do Museo Centro Gaiás.

Entre as novidades, destaca o regreso, logo do parón provocado pola pandemia, de Cidade Imaxinaria, unha das grandes actividades para toda a familia da programación da Cidade da Cultura. Toda unha xornada festiva de teatro, música, circo, xogos e obradoiros ao aire libres que porá o colofón final ao Verán no Gaiás.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe xunto á directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, as actividades de Verán no Gaiás, das que gabou a súa calidade e diversidade, que consolidan á Cidade da Cultura como un espazo cultural de referencia para todas as idades. Neste sentido, a Xunta agarda que preto de 70.000 persoas participen este ano no Verán no Gaiás.

A programación estival arrinca o 24 de xuño, Día da Música, co concerto de Fillas de Cassandra, un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedores de Galicia. O dúo vigués actuará na Praza central da Cidade da Cultura ás 21,00 horas nun concerto gratuíto chamado a conectar con xeracións novas e maiores a través da súa mestura de canto tradicional, pop e electrónica.

As propostas musicais seguen á caída do sol nos meses de xullo e agosto con Atardecer no Gaiás, cita imprescindible no verán compostelán que este ano programa 18 concertos ao aire libre de estilos que van do punk rock aos ritmos urbanos, o jazz, o soul ou o folk electrónico. Atardecer no Gaiás, que conta co apoio de Cervezas Alhambra nesta edición, combina algúns dos novos talentos e artistas consolidados máis importantes do panorama galego, español e internacional. Entre eles sobresaen nomes como Juancho Marqués, considerado un dos artistas máis influentes dentro do hip hop español, e Natalia Lacunza, artista que logo do seu paso polo concurso de talentos de Operación Triunfo en 2018 se revelou como unha das voces máis célebres do pop actual, chegando a conseguir o disco de platino coa súa canción de debut en solitario Nana Triste.

A directora-xerente da Cidade da Cultura subliñou o apoio do festival ao talento musical galego, que inclúe sete artistas do país: Moura —referente do rock progresivo feito en Galicia— e nomes que empezan a ser coñecidos nos escenarios como KYRA, Lontreira, Catuxa Salom, Mariagrep, Madalena Gamalho, así como os artistas novos premiados no certame Xuventude Crea impulsado pola Xunta de Galicia.

Verán miúdo e en familia

No apartado para as familias, dentro de Verán no Gaiás haberá catro grandes espectáculos gratuítos para gozar nas tardes de xuño e xullo. A maxia de Pedro Volta marabillará a pequenos e maiores co espectáculo Magic Space. A maxia das estrelas, inspirado na exploración do Universo o 28 de xuño. En xullo, o convite é para bailar con Queenmanía e Isto é rock, e o mes remata coa estrea en Galicia do espectáculo de circo Lemniscate, da prestixiosa compañía francesa Bivouac.

Ademais, para atender as necesidades de conciliación de nais e pais durante as vacacións dos centros educativos con alternativas que estimulen a creatividade e a curiosidade da cativada, o Verán no Gaiás oferta os campamentos urbanos Pioneiras e as actividades de Experimentia ao redor da arquitectura e da arte.

Arte dentro e fóra do Museo

A programación artística da Cidade da Cultura vese reforzada no estío con catro novas exposicións que abrirán a partir de xullo: Luz na terra, que rende homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos no ano que se conmemora o centenario da súa fundación; Traballo en equipo. 30 anos do CGAC, mostra que terá dúas sedes simultáneas, no CGAC e no Museo Centro Gaiás; Nicolás Muller. Vento norte, centrada no traballo dun dos fotógrafos documentais máis relevantes do pasado século, e A Coruña no Tempo, cuarta mostra do gran proxecto expositivo sobre a identidade urbana galega —Cidades no Tempo— realizado en colaboración con Afundación.

Tamén regresa en xuño o ciclo de arte exterior Reb/veladas na paisaxe, haberá novas intervencións artísticas nas Torres Hejduk e ampliarase o programa de visitas culturais cos Paseos pola diversidade, para descubrir a fauna e flora do Gaiás, en colaboración con Viaqua.

Alén da súa relevancia como espazo de exhibición, o Gaiás convértese no verán nun fervedoiro que atrae a creadores coa décimo terceira edición do Encontro de Artistas Novos, que se desenvolve co apoio continuado da Fundación Banco Sabadell, a terceira Residencia Literaria da Cidade da Cultura ou as Residencias Paraíso de danza e artes vivas realizadas en colaboración co Colectivo RPM e o Centro Dramático Galego.