Chega ao Gaiás CARNE y ARENA, a oscarizada instalación de realidade virtual dirixida por Alejandro G. Iñárritu

Presentación 'CARNE y ARENA'. Fotos: Óscar Corral
Santiago de Compostela, 07 de Xuño de 2022

A Xunta achega a Galicia a instalación inmersiva de realidade virtual CARNE y ARENA (Virtualmente presente, Fisicamente invisible), un proxecto do cineasta mexicano Alejandro G. Iñárritu que explora a condición humana das persoas migrantes e refuxiadas, e que poderá visitarse este verán na Cidade da Cultura de Galicia. Santiago de Compostela convértese así na primeira cidade da Península en acoller esta experiencia, galardoada cun Oscar especial da Academia. Trátase dun proxecto producido por Legendary Entertainment, Emerson Collective e Fondazione Prada, en colaboración con PHI Studio, que chega á nosa Comunidade da man da plataforma cultural 90_20 e encadrado na programación do Xacobeo 21-22.

CARNE y ARENA foi presentada esta mañá no Museo Centro Gaiás polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen amosou a súa satisfacción por que “Galicia se converta no primeiro punto da Península que ten a oportunidade de acoller esta instalación que conxuga unha dimensión tecnolóxica seguramente nunca antes vista en España e unha calidade artística avalada pola Academia de Hollywood ou o Festival de Cine de Cannes, onde se presentou en 2017 como o primeiro proyexto de realidaded virtual estreado neste certame”.

O titular de Cultura do Goberno galego salientou, ademais, a dimensión internacional dun proxecto que visitou grandes cidades como Milán, Amsterdam, Montreal, Dallas, Washington D. C., Los Ángeles ou Cidade de México, e “que en Galicia nos conecta especialmente coa nosa realidade local, co noso pasado, xa que a emigración na procura dunhas mellores condicións de vida foi a triste realidade á que tiveron que enfrontarse milleiros de galegos e galegas ao longo da historia”.

O seu director, Alejandro G. Iñárritu, sinalou sobre CARNE y ARENA –na súa estrea– que “durante o desenvolvemento deste proxecto, tiven o privilexio de coñecer e entrevistar a moitos inmigrantes e refuxiados mexicanos e centroamericanos: as súas historias de vida perseguíanme, así que convidei a algúns deles a colaborar comigo. A miña intención era experimentar coa tecnoloxía para explorar a condición humana nun intento por romper coa ditadura do encadre e permitir así ao visitante unha experiencia directa, camiñando nos pés do inmigrante, por debaixo da súa pel, e dentro do seu corazón”, explicou. “Durante esta experiencia, realista e irreal a un tempo, o noso cerebro e a maioría dos nosos sentidos póñense a proba. Ningunha experiencia en CARNE y ARENA é a mesma que para outro visitante”, engadiu.

Na presentación do proxecto, encadrado na programación do 10º aniversario do Museo Gaiás, interveu a través de videoconferencia o co-fundador de 90_20, David Ramírez. O acto contou tamén coa do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Camiñar nos pés das persoas refuxiadas

Nesta experiencia, os participantes experimentan en profundidade un fragmento das viaxes das persoas refuxiadas. Deseñada como unha travesía en solitario para unha persoa, xira arredor dunha secuencia de realidade virtual experimentada por tres visitantes simultáneos en salas separadas, con tecnoloxía inmersiva de vangarda. CARNE y ARENA crea un espazo multinarrativo de luz con personaxes humanas e secuencias de extremo realismo que trasladan ás persoas visitantes, descalzas sobre a area, a un escenario de persecución a través do deserto.

Termos como “rompedora”, “brillante”, “conmovedora” ou “unha das primeiras obras mestras de realidade virtual” foron algúns dos cualificativos que CARNE y ARENA recibiu durante a súa xira internacional por cabeceiras como The New York Times, Forbes ou o Washington Post.

Entradas limitadas

Polas especiais e exclusivas condicións da instalación, con capacidade para acoller a só tres visitantes por quenda –e un total de 75 por día–, as prazas son moi limitadas. A partir de hoxe poden xa mercarse as entradas para as sesións do mes de xullo, a un prezo de 9 € máis gastos de xestión, a través de Ataquilla. A entrada non está permitida a menores de 14 anos e tampouco recomendada a persoas con problemas cardíacos, problemas lumbares, antecedentes de convulsións, epilepsia ou sensibilidade ás luces intermitentes. Recoméndase consultar previamente toda a información sobre as condicións de acceso na web da Cidade da Cultura.

Sobre Alejandro González Iñárritu

Alejandro G. Iñárritu é un oscarizado director, guionista, locutor e compositor mexicano. É un dos cineastas máis aclamados e recoñecidos a nivel mundial, nomeadamente por contar historias conmovedoras e internacionais sobre a condición humana. Dirixiu filmes como Amores perros (2000), 21 gramos (2003), Babel (2006), Biutiful (2010), Birdman (2014) ou The Revenant (2015). Conta con catro premios Oscar (mellor película, mellor director e mellor guión orixinal por Birdman, e novamente mellor director por The Revenant), ademais dun Oscar Especial ao proxecto de RV CARNE y ARENA, cualificado pola Academia como unha “experiencia narrativa excepcional”.

Sobre PHI Studio

Con base en Montreal, PHI Studio centra as súas actividades na produción de traballos inmersivos en realidade virtual, realidade aumentada e realidade estendida. Pioneira en experiencias interactivas, recibiu recoñecemento internacional pola súa produción innovadora ao servizo de novas formas de narración.

Sobre Emerson Collective

Emerson Collective emprega unha ampla gama de ferramentas, desde o investimento de impacto ata a filantropía e a promoción, na procura duns Estados Unidos máis equitativos e xustos. Céntranse en crear un cambio sistémico na educación, a inmigración, o clima e a investigación e o tratamento do cancro.

Sobre Legendary Entertainment

Legendary Entertainment é unha empresa de medios de comunicación que conta con operacións de cine, televisión, medios dixitais e banda deseñada que posúen, producen e distribúen contido para audiencias internacionais.

Sobre 90_20

90_20 é unha plataforma de produción cultural que conecta ambos lados do Atlántico mediante a colaboración con artistas internacionais para crear experiencias que impactan na súa comunidade e enriquecen o gusto pola creación artística, destacando a capacidade da arte como ferramenta de transformación, integración e innovación.